A relación de VOX coas plataformas de redes sociais é especialmente tensa, pola teima da formación política de saltar as condicións de cadanseu servizo tanto polas súas mensaxes como polo pouco respecto ao copyright, e así puidemos ver como chegaron a pechar a súa canle de YouTube, marcan algunha das súas publicacións como engano en Facebook e bloquearon o seu acceso á súa conta de Twitter ata que eliminen un chío que consideraron unha mensaxe de odio.
No chío en cuestión denunciaban ao Goberno de promover a pederastia con cartos públicos, o que para Twitter supón unha mensaxe de incitación ao odio (contra o colectivo LGTBI), ao que dende VOX veñen de reaccionar presentando unha denuncia por considerar que os argumentos de Twitter son unha desculpa para «silenciar os discursos alternativos na Internet».
Coa presentación da denuncia pola vía penal, VOX solicita como medida cautelar que se lles permita empregar a súa conta de Twitter mentres esperan a que a Xustiza resolva o caso.
VOX denuncia a Twitter por bloquear a súa conta
Compartir Este Artigo
