En xaneiro WhatsApp estreou o modo escuro na versión beta para Android, permitindo configurar a aplicación nunha combinación de cores que resulta menos agresiva para a vista en ambientes escuros e que incluso podería supor un aforro de batería se temos un smartphone con pantalla AMOLED, e finalmente esta funcionalidade é oficial, estando dispoñible tanto para Android como para iOS.
Aseguran que o modo escuro deseñouse pensando nunha mellor lectura (reducindo a fatiga visual e aproximando as cores o máximo posible ás que empregan de xeito predeterminado iPhone e Android respectivamente) e respectando a xerarquía da información (de xeito que se as cores e elementos de deseño destaquen só cando é debido).
No caso de Android 10 e iOS 13 chega con ter o sistema operativo configurado co modo escuro activado para que este funcione dentro de WhatsApp, mentres que se temos Android 9 teremos que ir á propia configuración da aplicación para forzar o cambio.
O modo escuro está a espallarse globalmente, de xeito que en breve chegará a todos os usuarios que teñan instalada unha versión actualizada de WhatsApp.
Vídeo promocional da estrea do modo escuro en WhatsApp
