Seguir o ritmo ás plataformas sociais actuais é cada vez máis complexo, xa que están a incorporar novidades constantemente para manter o interese do público, sendo o caso máis extremo o de Instagram, que non conforme con mudar profundamente a súa interface de usuario potenciando a Tenda e os Reels, abre agora a todo o mundo a posibilidade de crear guías, un formato de publicación no que se poden recompilar produtos, lugares e publicacións para compartilos así de xeito unificado.
Este novo formato estivo a ser explotado durante os últimos meses por uns poucos influencers escollidos por Instagram, e tras comprobar que realmente era un bo xeito de reter aos usuarios en Instagram durante máis tempo, decidiron convertelo nunha opción máis para calquera usuario, que poden aproveitar isto para narrar viaxes, dar consellos sobre o estilo de vida ou simplemente escolmar contidos anteriores que poidan resultar divertidos ou interesantes.
A maiores Instagram tamén está a mudar profundamente a súa mensaxería, incorporando novidades de xeito paralelo á mensaxería de Messenger, co que pretenden unha confluencia entre ambas plataformas dentro da estratexia de Facebook de impedir que os lexisladores obriguen a unha fragmentación dos produtos da compañía.
Entre as novidades que están a incluír Messenger e Instagram estaría a opción de ver contidos audiovisuais xunto con outros usuarios, de xeito que durante unha conversa de vídeo en grupo poderemos elixir unha selección de contidos que poder ver en compañía, funcionalidade que o Messenger estreou hai pouco, e que agora chegaría tamén a Instagram.
Outra funcionalidade moi interesante que chega a ambas plataformas son as mensaxes temporais. Cando estamos nunha conversa, se deslizamos a conversa cara arriba podemos activar tal función, facendo que as mensaxes dea conversa en concreto pasen a ser temporais, ou sexa, que borraranse automaticamente, e no caso de que un dos interlocutores tome unha captura de pantalla durante a comunicación notificarase ao outro interlocutor, o que supón certo nivel de seguridade para charlas distendidas das que non se precise deixar constancia. Polo momento está dispoñible en Messenger e nos vindeiros días chegará a Instagram.
Instagram e Messenger continúan a incorporar novidades
Compartir Este Artigo
