Instagram muda a súa interface para potenciar Reels e a Tenda

xoves, 12 de novembro do 2020 Marcus Fernández

A aplicación móbil de Instagram está a experimentar un importante cambio para dar prioridade a algunhas das últimas funcionalidades da plataforma, no que semella unha estratexia para impor o seu uso. Trátase da incorporación de botóns para facilitar o acceso a Reels e á Tenda, co que queren facer máis doado atopar contidos nun formato claramente copia de TikTok e potenciar o uso de Instagram como plataforma de comercio electrónico respectivamente.
Dende Instagram aseguran non tomarse este tipo de cambios á lixeira, e cren que o dinamismo que está a experimentar a súa plataforma neste último ano lévaos a correr riscos como cambios tan bruscos na interface da súa aplicación, xa que consideran que se non cambian ao ritmo que esixe o mercado converteranse en irrelevantes.
Aínda que poida parecer que o grande cambio na interface son os novos botóns, realmente o que incomoda aos usuarios é que os botóns de Actividade e de Crear nova publicación, dos principais de Instagram, pasan de estar na parte inferior da interface a situarse na parte superior acompañando a mensaxería directa, o que dá a entender que Instagram en vez de optimizar a experiencia de usuario deu prioridade aos seus intereses comerciais, de aí que non sexa raro atopar a usuario incomodados polos cambios que aínda están a espallarse, pero que en poucos días deberían chegar á totalidade de usuarios.

A nova interface dá unha importancia desproporcionada a Reels (formato aínda emerxente) e á Tenda (que en moitos mercados aínda é unha funcionalidade a medias)

PUBLICIDADE