Os últimos resultados financeiros de Meta deixan constancia a importante caída da compañía en ingresos e en capitalización bolsista, cunha perda de valor que provocou que a empresa de Mark Zuckerberg xa non estea entre as 20 compañías máis valiosas dos EE.UU., situando o valor das accións da compañía ao nivel que tiña en xullo de 2015. No momento de escribir estas liñas Meta cotizaría a 93,16 dólares, moi lonxe dos 347,71 dólares que chegou a valer en abril de 2021.
Meta leva exactamente un ano en caída, sen remontar nin un único mes, o que pode verse como un reflexo da economía global, pero tamén xogou un rol moi importante o cambio de políticas de privacidade de Apple nas aplicacións para iOS, provocando que a publicidade das aplicacións de Meta fose menos eficaz, provocando unha caída nos ingresos de Meta de 10.000 millóns de dólares.
Pero os malos resultados económicos de Meta non parecen ir da man do seu volume de actividade, e a compañía segue a ter unha posición incomparable en número de usuarios activos ao mes, con preto de 2.960 millóns de usuarios de Facebook. WhatsApp e Instagram tamén superaron os 2.000 millóns de usuarios activos a diario (mentres que o Messenger queda en 988 millóns de usuarios). Estiman que a familia de aplicacións de Meta chegaría aos 3.710 millóns de usuarios activos ao mes.
Por moito que medrasen plataformas como WeChat ou TikTok, Meta segue a ter unha posición dominante innegable, que permite que a compañía teña moito marxe de manobra para poder mellorar os seus resultados económicos, aínda que Mark Zuckerberg terá moi difícil xustificar os seus investimentos a longo prazo no metaverso cando debería centrarse en mellorar as súas plataformas no medio prazo.
Instagram e WhatsApp superan os 2 mil millóns de usuarios activos
Compartir Este Artigo
