O pasado venres fixéronse efectivos os temidos despedimentos dentro de Twitter, o que deu pé á fin de semana máis caótica na historia da compañía, o que levaría incluso a que dende Twitter contactasen con ducias de traballadores despedidos pregándolles que volvesen aos seus postos de traballo por ter sido despedidos por accidente, aínda que a realidade parece ser que cando tentaron desenvolver algunhas das funcionalidades que está a esixir Musk decatáronse de que boa parte do persoal do que prescindiran era crucial para iso.
En España aseguran que 26 dos 30 traballadores de Twitter terían sido despedidos, o que fontes sindicais aseguran que serían despedimentos nulos de dereito, xa que para facer tal terían que ter realizado un procedemento de despedimento colectivo, cun período de consultas, 15 días de negociación e comunicación á autoridade laboral. Varias das condicións que hai que respectar en España para este tipo de despedimentos proveñen dunha directiva europea, polo que parece razoable pensar que os despedimentos da compañía ao longo de Europa tamén poderían ser nulos. No caso dos EE.UU. os despedimentos tampouco respectarían a lexislación federal e estatal, aínda que neses casos os efectos poderían limitarse as indemnizacións e non requirirían a readmisión dos traballadores despedidos.
Pero non só o ámbito laboral foi dramático nos últimos días, senón que Twitter tamén experimentou cambios moi drásticos, como a activación da contratación de Twitter Blue por 7,99 dólares/mes para poder facerse co selo de verificado en EE.UU., Canadá, Australia, Nova Zelandia e Reino Unido na última actualización de Twitter para iOS, aínda que tiveron que especificar que a verificación de pagamento aínda non está activa, pero podería estalo de xeito case inminente, pois o motivo para adiar a activación non sería técnico, senón político, xa que este martes celebran nos EE.UU. as eleccións de medio mandato. A verificación de contas simplemente pagando vese como unha ameaza democrática neste momento, pois daría credibilidade nun momento crítico a contas de usuario que basicamente buscarían manipular valéndose da reputación que antes daba a marca de verificado, pois o público aínda non está afeita ao seu novo significado (que só indicaría a subscrición a un servizo de pagamento).
O que si resultou máis polémico é que, tras asegurar que «a comedia agora é legal en Twitter», Musk mudase os criterios para aceptar parodias na súa plataforma despois de ser vítima de numerosas delas, de xeito que agora as contas que non indiquen claramente que son unha parodia serán suspendidas de xeito permanente. De feito, cando un usuario mudo o seu nome, perderá o selo de verificado temporalmente. Sobra dicir que este cambio de política fai perder toda a credibilidade a Musk, que tras defender publicamente a liberdade de expresión rapidamente aplica a represión cando se fai humor á súa costa, resultando especialmente destacable que algunhas das contas suspendidas durante a fin de semana (e aínda sen restituír) correspondan a célebres humoristas estadounidenses (como Kathy Griffin ou Sarah Silverman), coas que non hai sospeita ningunha de suplantación de personalidade, e calquera entende que estaban a parodiar a Musk.
Cómpre salientar que as novas normas que Twitter está a aplicar nas últimas horas non están reflectidas nas normas do servizo, senón simplemente nas comunicacións de Elon Musk na súa conta oficial de Twitter, polo que a súa arbitrariedade é clara, e podería traer problemas legais a Twitter, como parece ser a tónica habitual das decisións impulsivas de Musk dentro da compañía.
Twitter vive unha turbulenta fin de semana
Compartir Este Artigo
