Tras anunciarse unha nvoa etiqueta para identificar as contas oficiais en Twitter, o novo selo comezou a espallarse entre as contas verificadas para facilitar a súa diferenciación das que contan cun selo de verificación que realmente significa que pagan 8 dólares/mes, pero o novo sistema non estivo operativo nin dúas horas, tras o que Twitter tomou outra dirección, de xeito que a etiqueta de oficial xa non aparecerá e a grande diferenza entre os distintos tipos de selos de verificación é que ao premer sobre os mesmos aparece un texto descritivo no que pode lerse que a conta está verificada pola súa notoriedade ou porque está subscrita ao servizo Twitter Blue.
Tras activarse a posibilidade de subscribirse ao novo Twitter Blue a través de iOS, a reacción dos usuarios non se fixo esperar, e agromaron numerosas contas de usuario suplantando a contas populares como a de Nintendo, LeBron James, George W. Bush, Tony Blair ou Connor McDavid empregando nomes de usuario semellante e dando a impresión de que eran contas oficiais para logo contratar Twitter Blue e que así parecesen contas verificadas. Por fortuna, estas contas están a utilizarse principalmente para facer bromas (como publicar unha fotografía de Mario amosando o dedo corazón).
Pero a estrea do novo Twitter Blue para ter contas co selo de verificado pagando non só está a ser unha chapuza facer demasiado doada a suplantación de identidade, senón tamén porque confunde aos usuarios e nin sequera ten unha aplicación uniforme. Por exemplo, os usuarios de Android aínda non ven os novos selos de verificado nas contas de subscritores de Twitter Blue, e tampouco poden subscribirse ao novo servizo. Os que xa eran subscritores de Twitter Blue, e non pagasen a través dun dispositivo con iOS tampouco teñen un método que facilite a transición ao novo Twitter Blue, senón que teñen que agardar a que caduque o servizo actual para poder contratar o novo.
Pero os cambios de rumbo constantes na nova dirección de Twitter non se realizan sen consecuencias, e nas últimas horas sóubose da dimisión de varios altos directivos da compañía, concretamente dos responsables de privacidade, seguridade e legalidade, argumentando que a prioridade de Musk é facer cartos, sen importar a seguridade e a lexislación vixente, de xeito que a compañía exponse a sancións por valor de milleiros de millóns de dólares (especialmente porque xa son considerados como reincidentes pola FTC). De feito, as autoridades estadounidenses xa anunciaron que van iniciar investigacións sobre o que está a acontecer en Twitter a nivel de seguridade e privacidade.
Como mostra do ritmo dos cambios que está a experimentar Twitter internamente, agora temos que Twitter está a preparar un sistema de pagamentos entre usuarios na liña de PayPal, un sistema para que os creadores de contido poidan cobrar polos seus vídeos e moitas outras funcións, sen importar se teñen que retiralas por ser un desastre (como aconteceu co selo de Official), aínda que non parece ser a estratexia máis intelixente, xa que supón un dispendio económico importante que podería levar á empresa á bancarrota, como recoñeceu hoxe mesmo nunha xuntanza cos seus empregados.
ACTUALIZACIÓN (11-11-2022): A poucas horas de eliminar a etiqueta de Official e anunciar a súa eliminación o propio Musk, Twitter resucítaa para algunhas contas, como unha mostra máis da inconsistencia da dirección da compañía.
ACTUALIZACIÓN (11-11-2022): Ante a emerxencia de contas novas nas que abusan do selo de verificado de Twitter Blue, primeiro bloquearon a posibilidade de darse de alta mediante contas novas e finalmente eliminaron a opción de subscribirse a Twitter Blue dende iOS, sen mediar explicación.
