Tras moitos atrancos, Twitter por fin reactiva as subscricións ao seu servizo Twitter Blue, polo momento só para EE.UU., Canadá, Australia, Nova Zelandia e Reino Unido, e cun curioso cambio de tarifas, xa que para manter o prezo de 8 dólares/mes haberá que subscribirse vía web, mentres que quen queira facer iso dende iOS terá que pagar 11 dólares/mes, ou sexa, que pagará máis xa que será o usuario o que se faga cargo das comisións da App Store.
Polo momento Twitter Blue permite, aparte de lucir un selo de verificado (que pasa a ser azul para particulares e dourado para empresas), a edición de chíos, compartir vídeos Full HD de ata 10 minutos, gozar dun un lector de fíos e tamén poder consultar os artigos destacados (sección que antes ofrecíase de balde a través de Nuzzel); pero nas vindeiras semanas permitirá incrementar as visibilidade as publicacións dos usuarios subscritos e ver a metade dos anuncios na plataforma.
Un cambio importante no sistema de Twitter Blue é que para amosar o selo de verificado será preciso asociar a conta a un número de teléfono verificado e tamén que a conta de Twitter fose creada como mínimo 90 días antes (buscando así mitigar o problema da suplantación de identidade e do spam).
Máis novidades na plataforma
Pero a reactivación de Twitter Blue non é o único cambio destes días, senón que tamén temos que o sistema coñecido como Notas da comunidade, ábrese a usuarios de todo o mundo, facilitando así un mecanismo para asociar anotacións a chíos que poden desinformar, dependendo os contidos das notas da votación do resto de usuarios, de xeito que temos un sistema de verificación de contidos que depende da masa de usuarios en vez dos criterios fixados dende Twitter, o que confían que axude a manter un contorno máis seguro.
Musk tamén anunciou que están a traballar nunha ferramenta que indicará aos usuarios o estado actual da súa conta, para saber se a propagación dos seus contidos está limitada (o coñecido como shadowbanning); e incluso confirmou que van ampliar o número de caracteres dos chíos de 280 a 4.000.
