Hai preto dun ano Twitter mercou o servizo de creación de boletíns por correo electrónico Revue, facéndoo de balde, de xeito que calquera usuario de Twitter pode crear o seu propio boletín sen grande esforzo e co punto de vista posto na creación de contidos para subscritores, como unha ferramenta máis para atraer a creadores a Twitter e que así poidan ter unha fonte de ingresos doada de administrar. Pero Elon Musk, quen non para de comentar que quere facer de Twitter un lugar para que os creadores de contido poidan gañar cartos, non parece ver o potencial de Revue, e decidiu que este servizo vaia deixar de funcionar a partir do 18 de xaneiro de 2023, cancelándose as subscricións de pagamento o vindeiro día 20 (para que ninguén poida subscribirse a un boletín que cese a súa publicación antes do remate do ciclo de subscrición).
Dende Revue instan agora aos usuarios que teñan algún boletín a que descarguen a súa listaxe de subscritores, os seus boletíns pasados e as súas estatísticas, o que permitiría a súa migración a outras plataforma semellante.
O servizo de boletíns Revue pechará en xaneiro
Compartir Este Artigo
