A semana pasada foi moi turbulenta para Twitter, co peche temporal dos Espazos tras unha perrencha de Elon Musk, o bloqueo de ligazóns a Mastodon e incluso a suspensión de contas de xornalistas, e durante a fin de semana a cousa tampouco parou de moverse dun xeito moi errático e imprevisible, no que en perspectiva parece a apertura dunha saída de Musk da dirección xeral de Twitter para centrarse en negocios máis rendibles como Tesla.
Primeiramente tivemos que o peche de contas de xornalistas tivo unha resposta moi negativa a nivel global, véndose como unha seria ameaza á liberdade de información, polo que o Musk repetiu unha das súas xogadas habituais para fuxir cara adiante: organizou unha enquisa para preguntar se as suspensións das contas debían durar 7 días ou deberían restituírse inmediatamente. Ante a previsible resposta dos usuarios, boa parte das contas de xornalistas que se suspenderan nos últimos días volveron operar.
Pero logo, non dende a conta de Musk, senón dende as contas oficiais de Twitter, anunciouse un cambio de normas que levaban a prohibición de publicar ligazóns a Mastodon a un extremo disparatado, que claramente ía en contra do uso que fan moitísimos usuarios: prohibíase publicar ligazóns a Facebook, Instagram, Mastodon, Truth Social, Tribel, Post e Nostr, así como utilizar agregadores de ligazóns en redes sociais (ferramentas moi habituais entre as celebridades para facilitar a súa localización nas distintas plataformas). Esta nova política de Twitter non só podería ser contraria ás leis da competencia de moitos territorios, senón que limitaba tanto o uso de Twitter que podería chegar a provocar unha auténtica fuxida masiva de usuarios, de aí que rapidamente Musk decidise eliminar o cambio nas normas e prometer que calquera outro cambio importante no regulamento de Twitter someteríase antes a votación.
Esta última crise de publicidade deixaba claro que os usuarios non estaban dispostos a aceptar calquera condición que impuxera Musk, e como consecuencia decidiu publicar unha nova enquisa, desta volta preguntando se debería abandonar a dirección de Twitter, recibindo 17,5 millóns de votos, dos que o 57,5% apostaban por que o multimillonario deixase o seu cargo. Musk comprometeuse a respectar a votación, pero non podemos esquecer que continúa a ser o propietario da compañía, ou sexa, que o máis probable é que estea a preparar unha especie de plan de fuga para poder abandonar un cargo que está a requirir demasiado tempo, o que repercute negativamente na percepción de mercado que teñen o resto de negocios de Musk (sendo especialmente grave a caída da cotización bolsista de Tesla).
En breve saberemos os plans de Musk sobre o xeito de facerse a un lado, pois non parece que poida ser un procedemento sinxelo, en boa medida porque poucas persoas con capacidade directiva para poder manter Twitter con vida aceptarían dirixir unha empresa que está precipitándose á súa bancarrota (como parece transcender dos seus impagamentos de alugueres, servizos e mesmo indemnizacións por despedimento).
Novidades en Twitter
Mentres tanto, Twitter non deixa de incorporar novidades, e nos últimos días vimos como os chíos deixaron de amosar a aplicación dende a que se publicaron (evitando así o bochorno de moitas campañas de publicidade de marcas competencia de Apple que aparecían publicadas dende un iPhone); Musk anunciou que están a incorporar un sistema de karma no que poderán votar os subscritores de Twitter Blue; aparte dos selos de verificado en azul e dourado, chegan agora os selos de cor gris para identificar a organizacións gobernamentais ou multilaterais; e, como novidade máis salientable, estaría a creación de Twitter Blue para Empresas, servizo que non só se identifica polo selo de verificado de cor dourada, senón que tamén se deixa notar porque o avatar da conta en vez de presentar forma circular ten agora forma cadrada con esquinas redondeadas.
Polo momento Twitter Blue para Empresas está dispoñible só para unhas poucas compañías, e inclúe unha novidade moi importante: a posibilidade de que unha empresa verifique os seus traballadores, de xeito que estas contas conectadas ao lado do seu selo de verificado amosarán unha pequena icona co paxaro de Twitter que dirixirá á conta da que depende comercialmente.
A fórmula para ligar contas serve para que poidamos identificar a directivos ou traballadores importantes dunha empresa (como tamén poderían ser xornalistas que traballan para un medio de comunicación, ou os xogadores dun equipo deportivo), o que contribúe a dificultar a suplantación de identidade, aínda que cómpre sinalar que estamos ante un servizo de pagamento do que Twitter aínda non publicou as tarifas.
