Nas últimas semanas deuse a entender que Meta estaba a deixar de lado os seus desenvolvementos en realidade virtual e realidade aumentada ante o escenario económico actual, pero a saída da compañía de John Carmack, quen entrou no seu día como consultor técnico de Oculus, e que é todo un referente na industria (foi o programador principal de xogos como Wolfenstein 3D, Doom e Quake) podería ter provocado que saian á palestra para asegurar que aínda non tiraron a toalla e dar conta dalgúns dos seus progresos en realidade virtual e aumentada.
Dende Meta insisten en que estas tecnoloxías son unha peza fundamental na compañía, e aínda que son unha aposta a longo prazo (esperan ter retorno nas vindeiras décadas) e dentro dos avances anuncian Meta Reality, que será o nome que recibirá a realidade mixta da compañía de Mark Zuckerberg, e que permite mesturar a realidade virtual co mundo real, para o que é preciso capturar o mundo físico e representalo de xeito realista a través dun casco de realidade virtual e así poder realizar cousas como ancorar no espazo obxectos virtuais.
Tamén salientan que os sensores que fan un seguimento da mirada e da cara que integra o casco Meta Quest Pro é unha tecnoloxía con moito potencial que vai máis aló de representar ao usuario en avatares, aínda que a prioridade que teñen actualmente é conseguir cascos cada vez máis lixeiros e confortables, que poidan ter tamén un consumo reducido.
Con Infinite Display están a mellorar na calidade visual da realidade virtual, que é outro dos grandes ámbitos nos que hai que seguir avanzando, para conseguir que as experiencias sexan cada vez máis realistas e detalladas, o que facilitará en grande medida contornos virtuais de traballo, que sería o ámbito no que estas tecnoloxías máis teñen que avanzar para ter futuro.
Meta mantén a súa aposta a longo prazo pola realidade virtual e aumentada
Compartir Este Artigo
