Dende hoxe a aplicación de Twitter para iOS muda o xeito de amosar a cronoloxía de xeito predeterminado, polo que a opción principal é Para ti, ou sexa, unha versión da cronoloxía modificada por algoritmos para incluír contidos recomendados que en moitos casos non corresponden a contas que o usuario segue, aínda que segue a existir a posibilidade de acceder aos contidos das contas ás que estamos Seguindo, para o que activaron un xesto de desprazamento lateral para alternar entre ambos xeitos de ver os contidos, en vez do método que existía ata o momento (co que alternábase a vista da aplicación premendo nunha icona que hai na parte superior dereita da aplicación).
Que Twitter teña agora unha pestana de Para ti e outra de Seguindo fai que a interface de Twitter se pareza sospeitosamente a TikTok, o que está a ser moi mal recibido pola comunidade de usuarios, que entende que a aplicación está a adoptar unha postura na que prioriza a manipulación dos usuarios para ofrecerlles máis publicidade.
Esta situación é especialmente rechamante ao ter en conta que Elon Musk posicionárase contra os contidos suxeridos por algoritmos en Twitter… antes de ser o dono da empresa…
Polo momento, as versións para Android e a versión web de Twitter permiten alternar definitivamente entre a versión da cronoloxía con recomendacións e a tradicional (na que só aparecen contidos de contas que seguimos cunha orde cronolóxica inversa), ou sexa, que cada vez que se entra na aplicación non é preciso fuxir da versión de Twitter manipulada por algoritmos, o que podería mudar en breve.
ACTUALIZACIÓN (14-1-2023): A tiktokización está agora presente na versión web de Twitter, para enfado de moitos usuarios.
