Vodafone ten unha forte presenza nesta edición do Mobile World Congress de Barcelona, cun espazo no que convida aos visitantes a entrar no seu metaverso e voar en tempo real un dron intelixente situado en Sevilla, a 830 quilómetros de distancia, conectado a través da súa rede 5G.
Grazas á baixa latencia e a velocidade que ofrece a rede 5G da operadora, os asistentes poden pilotar o dron real de xeito remoto desde Vodafone 5G Reality, o metaverso de Vodafone desenvolto no Vodafone 5G Lab, dirixíndoo co dispositivo de realidade virtual Meta Quest Pro.
Controlar un dron no metaverso é unha das novas API de rede que está a desenvolver Vodafone na súa plataforma NaaP (Network as a Platform). Estas API de rede son un conxunto de regras baseadas en estándares abertos de toda a industria que permiten aos desenvolvedores acceder e utilizar as capacidades melloradas que achega a rede 5G paneuropea de Vodafone (que cobre case 350 pequenas e grandes cidades) a través dunha interface de usuario simple e segura.
Colaboración con Ericsson
Durante o congreso de telefonía móbil Vodafone e Ericsson tamén presentan unha experiencia gaming de realidade aumentada na que os xogadores se enfrontan entre si a través dunha rede 5G establecida entre Madrid e Barcelona. Até o 2 de marzo, ambas as compañías amosarán as capacidades da rede 5G que os asistentes do evento tecnolóxico poderán gozar a través do videoxogo HADO.
Desde o expositor de Ericsson no Hall 2 do MWC Barcelona, e o Vodafone 5G Lab, na sede central da operadora en Madrid, os participantes poñerán a proba as súas habilidades neste deporte de realidade aumentada grazas á rede 5G de alto rendemento creada de forma conxunta para esta demostración por Vodafone e Ericsson.
