Meta leva un tempo traballando en lentes equipadas con tecnoloxía de intelixencia artificial moito máis avanzadas ás que vemos no mercado actualmente (como as Meta Ray-Ban), destacando especialmente as do proxecto Aria, do que hai un meses dimos conta de que xa chegaran á súa segunda xeración, e agora continúan a avanzar e pretenden abrilas a investigadores en 2026.
Estas lentes incorporan sensores de última xeración, capacidades de procesamento local e interacción auditiva mediante altofalantes integrados, e Meta quere achegalas aos investigadores a través de dúas vías de colaboración: unha orientada a centros académicos e outra para entidades corporativas. Os investigadores interesados deben presentar unha proposta detallada que inclúa os obxectivos científicos, as funcións críticas do dispositivo para o seu proxecto, os perfís de gravación que pretenden empregar e os modelos que planean adestrar cos datos recollidos. Meta tamén solicita información sobre ferramentas alternativas consideradas e o motivo da elección de Aria fronte a outras opcións.
A iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla de Meta para liderar o futuro da realidade aumentada e a IA contextual. Segundo a compañía, estas lentes non inclúen pantalla, o que reflicte unha aposta por sistemas de prototipado centrados na percepción e na interacción auditiva, máis que na visualización directa, o que é toda unha sorpresa na actualidade, onde as Meta Ray-Ban Display xa son un produto comercial.
A convocatoria está aberta a investigadores de todo o mundo, con preferencia para propostas lideradas por directores de laboratorio ou investigadores principais. Os participantes poderán solicitar ata dez dispositivos e engadir ata cinco usuarios adicionais por proposta. Meta tamén ofrece acceso a un conxunto de datos piloto e documentación técnica para facilitar a integración das Aria Gen 2 nos proxectos de investigación.
Meta segue avanzando na investigación de lentes sen pantalla
Compartir Este Artigo
