A apertura das reservas de Grand Theft Auto VI en versións para PlayStation 5 e Xbox Series X|S está a converterse nun momento moi relevante no sector dos videoxogos, especialmente polo feito de que o xogo finalmente non será o detonante nunha suba de prezo dos grandes lanzamento, pero si podería consolidar unha tendencia moi presente en PC que en consolas non é tan habitual: a caixa da versión física non incluirá disco, senón un código de descarga.
Dende Rockstar Games detallan que, aínda que o xogo non poderá executarse ata o 19 de novembro, os usuarios que o adquiran anticipadamente poderán realizar a súa descarga anticipada a partir do 12 de novembro, facilitando así que os compradores poidan gozar de GTA VI dende o primeiro minuto (evitando as colas de descarga do día do lanzamento).
Os compradores anticipados tamén recibirá como recompensa o Vintage Vice City Pack, unha colección de elementos que lembran ao clásico Grand Theft Auto: Vice City, como un sedán Vapid Stanier do 55 e roupa e peiteados decadentes para Jason e Lucía.
O xogo terá unha versión estándar a 79,99 euros, que en reserva tamén inclúe un mes de GTA+ sen custo adicional, aínda que os incondicionais da franquía probablemente opten por facerse coa Ultimate Edition, cun prezo de 99,99 euros, que a maiores inclúe unha colección exclusiva de vehículos premium, armas, moda e acción que irá dosificándose ao longo de cada capítulo da historia de Jason e Lucía.
Un detalle a salientar coa apertura de reservas é que Sony Interactive Entertainment está a insistir na súa colaboración con Rockstar Games para que o xogo ofreza a súa mellor experiencia de xogo en PlayStation 5, xa que o título aproveitará funcións exclusivas da PS5 como a retroalimentación háptica do mando DualSense, o son Tempest 3D para sensacións máis inmersivas e tamén achegará certos toques aproveitando o altofalante integrado no mando.
Confían en que este título sexa un incentivo para adquirir unha PlayStation 5 ou unha PlayStation 5 Pro, xa que non estará dispoñible para consolas da anterior xeración.
Sobre a polémica de que as edicións físicas do xogo non inclúa o título en disco, estamos ante unha medida que non está a ser nada ben recibida polos coleccionistas (pois o xogo perdería o seu carácter coleccionable), pero tamén podería ter unha reacción contraria por parte de moitas tendas, xa que o feito de que o xogo non estea incluído no disco, senón que sexa un código de descarga, elimina a posibilidade da súa venda de segunda man, eliminando así unha das grandes fontes de ingresos de varias cadeas de venda de videoxogos.
Grand Theft Auto VI non incluirá disco nas súas edicións físicas
Compartir Este Artigo

