Cada vez resulta máis rechamante que esteamos ante unha xeración de consolas de videoxogos que, en vez de baixar de prezo segundo avanza a xeración, o prezo non cesa de subir, e as últimas consolas que experimentarán esta evolución son as de Microsoft.
A compañía de Redmond vén de anunciar que o 1 de agosto subirán os prezos das súas Xbox a nivel mundial, detallando como serán os incrementos de prezo nos EE.UU., que serían de 100 dólares para os modelos de 512 GB de almacenamento e de 150 dólares para os modelos de 1 TB, quitando de catálogo o modelo con 2 TB de capacidade (deixando claro que o problema dos prezos está provocada polo incremento de prezo das memorias).
Este anuncio é rechamante porque Microsoft xa subira o prezo das Xbox nos EE.UU. o pasado mes de outubro e, de feito, anticipan que podería haber máis subas no futuro, xa que prevén que os prezos da RAM e o almacenamento poidan dobrarse outra vez de cara ao outono de 2027.
Volverán as consolas Xbox ás tendas españolas?
Dende Microsoft chegan a recomendar a compra de unidades restauradas certificadas (ou de segunda man) para conseguir manter un prezo de consola accesible. Pero non podemos deixar de lado que a súa comunicación vai dirixida ao mercado estadounidense, porque en mercados como o español non sabemos se a situación chegará a ter un impacto real, xa que parece que as consolas Xbox xa non se comercializan na práctica. Hai meses que Microsoft non repón unidades na súa tenda oficial, e se actualmente non venden nin sequera as Xbox Series S (que teñen un prezo de 349,99/399,99 euros), dificilmente as venderán a 499,99 euros, especialmente se temos en conta que hai 4 anos podiamos atopar unidades a menos de 230 euros.

