
Cando en abril Plaion anunciou que o 12 de novembro lanzaría a Neo Geo AES+, unha revisión moderna da histórica consola Neo Geo que era todo un obxecto de desexo nos anos 90, provocouse todo un momento tectónico dentro do mundo dos videoxogos retro, xa que abríase unha oportunidade para gozar dun sistema clásico na actualidade, contando incluso con compatibilidade cos cartuchos orixinais, así como con reedicións dos cartuchos clásicos.
Tamén era rechamante o feito de que a consola fose a ter un prezo de 199,99 euros, nun momento no que o prezo das consolas actuais está disparado, de aí que este anuncio tivese unha resposta masiva, ata o punto de que se recibiron centos de milleiros de reservas, destacando a da súa edición definitiva, exclusiva da tenda en liña de Plaion e que incluiría mandos adicionais e 10 xogos en cartucho por un prezo de 899,99 euros que había que pagar de xeito anticipado.
As edicións ordinarias da máquina podía reservarse en practicamente calquera tenda física e dixital de videoxogos, pero a pouco máis de 2 meses para a chegada do produto ás tendas dende a compañía responsable de resucitar a consola de SNK publican un lamentable comunicado:

Sabemos que moitos de vós estabades esperando recibir a vosa Neo Geo AES+ este ano. Lamentamos comunicarvos que o lanzamento mundial terá lugar finalmente o 16 de setembro de 2027.
A resposta á Neo Geo AES+ foi extraordinaria, pero as limitacións globais no subministro de compoñentes fan que, sinxelamente, non poidamos fabricar unidades suficientes para ofrecer o lanzamento mundial que a nosa comunidade merece.
En lugar de lanzar a consola cunha dispoñibilidade moi limitada, decidimos tomarnos máis tempo para ampliar a produción, asegurar o subministro dos compoñentes necesarios e investir nun futuro aínda máis ambicioso para a Neo Geo AES+.
Se xa realizastes a vosa reserva, o voso pedido segue estando garantido e manterá a súa prioridade. Non haberá ningún aumento de prezo e non é necesario que fagades nada pola vosa parte.
Ademais, todas as consolas enviadas durante a produción inicial do lanzamento incluirán un Bonus para Founding Supporters, como mostra de agradecemento pola vosa paciencia e apoio.
Sabemos que se trata dun atraso importante e queremos pedirvos desculpas sinceramente.
Grazas por seguir confiando en nós.
Falamos dun adiamento moi importante, pois non se trata de deixar a saída da máquina a despois da campaña de Nadal, senón a mover a data de lanzamento 10 meses, evidenciado que Plaion veuse completamente superada pola alta demanda da consola, resultando moi difícil de comprender que non comunicasen a situación a poucas semanas do anuncio inicial e incluso seguisen aceptando novos pedidos, pois resulta evidente que ao dispararse as reservas era imposible respectar os prazos prometidos.
Ante esta situación resulta difícil saber se a consola manterá o interese ou desembocará nunha crise de reputación con numerosas cancelacións. Pero o que é innegable é a mancha que deixará sobre Plaion, polo seu comportamento cobizoso, pois aceptaba pedidos masivos á vez que anunciaba que estabamos ante edicións moi limitadas. Tampouco podemos deixar pasar o feito de que agardasen para anunciar o retraso do lanzamento a un día no que se celebraba un Nintendo Direct e un evento de Apple, dando a impresión de que querían que a súa metedura de zoca pasase desapercibida.
Por desgraza a situación tamén afecta a un bo número de vendedores de todo o mundo (que aceptaron reservas), así como a compañías que estaban a prepararse ante a posibilidade de lanzar produtos en cartucho aproveitando o afloramento de novas máquinas compatibles cos mesmos. Unha oportunidade que confiemos en que só se adíe no tempo e que a Neo Geo AES+ poida converterse no fenómeno retro que moitos afeccionados desexan.

