
A Comisión Europea presentou este mércores a proposta EU KIDS Act, un novo marco para reforzar a protección dos menores no ámbito dixital. A iniciativa establece que os menores de 13 anos non poderán acceder ás redes sociais e fixa nos 15 anos a idade mínima para que poidan abrir unha conta propia nestes servizos.
Entre os 13 e os 15 anos, o acceso ás redes sociais quedaría condicionado á supervisión parental. Os proxenitores ou titores poderían crear mini contas vinculadas ás súas propias contas, con acceso a servizos considerados adecuados para a idade e con límites como un máximo dunha hora diaria de uso e restricións sobre os contactos sociais.
Os menores de entre 3 e 13 anos quedarían fóra das redes sociais, aínda que poderían utilizar servizos de vídeo especificamente deseñados para nenos a través de contas xestionadas polos seus titores. As plataformas terían que facilitar ferramentas para limitar o uso do dispositivo adulto cando este sexa cedido ao menor e restrinxir tamén a utilización destes servizos a un máximo dunha hora diaria.
| Idade | Acceso e condicións |
|---|---|
| Menores de 3 anos | • Sen pantallas |
| De 3 a menos de 13 anos | • Sen acceso ás redes sociais • Sen dispositivos propios • Poden acceder a servizos de vídeo deseñados para nenos a través de contas xestionadas polos seus titores • Máximo dunha hora ao día |
| De 13 a menos de 15 anos | • Poden utilizar mini contas de redes sociais creadas polos titores dentro das súas propias contas • Contactos sociais limitados • Máximo dunha hora ao día |
| De 15 a menos de 18 anos | • Poden crear as súas propias contas nas redes sociais |
A proposta introduce ademais o principio de seguridade desde o deseño, polo que os servizos dixitais terían que demostrar que son adecuados e seguros para os menores, en lugar de deixar recaer sobre as familias a responsabilidade de evitar os riscos. As obrigas afectarían aos servizos que ofrecen redes sociais, vídeo, videoxogos en liña, compañeiros de IA e chatbots a usuarios menores de 18 anos.
Entre as medidas previstas figuran a prohibición de funcións deseñadas para xerar adicción, os sistemas de recomendación baseados no perfil que conduzan os menores cara a contidos prexudiciais, o desprazamento infinito sen puntos de parada, determinadas técnicas de recompensa e as notificacións durante as horas de sono. Tamén se pretende impedir o contacto non solicitado por parte de descoñecidos.
Os perfís dos menores deberían ser privados por defecto e terían desactivados inicialmente o acceso á xeolocalización, á cámara e ao micrófono. As plataformas terían que ofrecer ferramentas sinxelas para bloquear ou silenciar usuarios, controlar o tempo de uso e utilizar sistemas de recomendación seguros que os menores poidan configurar, axustar ou restablecer.
Os compañeiros de IA e os chatbots destinados a menores tamén quedarían suxeitos a requisitos específicos. Deberían estar desactivados de xeito predeterminado e non poderían simular relacións interpersoais de maneira que favorecesen a creación de dependencia emocional.
A verificación da idade converteríase nunha obriga para os servizos en liña e as tendas de aplicacións. A Comisión Europea apunta como posible solución a aplicación europea de verificación da idade, deseñada para comprobar a idade sen conservar documentos de identidade nin datos biométricos. As redes sociais e plataformas de vídeo tamén terían que verificar a idade cando un usuario cree unha nova conta.
Para as contas xa existentes, os provedores poderían estimar a idade mediante indicadores razoables, como a data de creación da conta ou os datos asociados a medios de pagamento. A proposta pretende así evitar que a protección dependa unicamente da idade declarada polo usuario.
A Comisión tamén quere modificar o modelo de responsabilidade das grandes plataformas. Os provedores de plataformas en liña de moi grande tamaño terían que demostrar que os seus servizos, funcionalidades ou novas características son seguros desde o deseño. Para iso deberían presentar un plan de cumprimento á Comisión e a un auditor independente, que avaliaría de maneira detallada os novos servizos ou funcionalidades.
O marco de aplicación aproveitaría as estruturas xa existentes do Regulamento de Servizos Dixitais (DSA) e do Regulamento de Intelixencia Artificial (AI Act). A proposta contempla procedementos acelerados para os casos de incumprimento, cos que a Comisión debería completar as súas investigacións nun prazo de 90 días.
A proposta foi remitida ao Parlamento Europeo e ao Consello da UE para iniciar o proceso lexislativo. A Comisión reclama unha aprobación rápida ante a demanda de reforzar a protección dos menores fronte ao ciberacoso, os contidos prexudiciais, o deseño adictivo e outros riscos dixitais. Segundo o Eurobarómetro especial sobre a Década Dixital 2026, o 92 % dos europeos considera prioritario reforzar esta protección.

