
O proxecto Talentos Inclusivos, promovido pola FECYT e desenvolvido polo CITIC da Universidade da Coruña e ASPACE, estivo presente na novena edición do Congreso EDUCA, que tivo lugar a pasada semana en Santiago de Compostela e contou coa asistencia de máis de 500 persoas vinculadas ao ámbito educativo.
No marco do encontro, Javier Pereira e Irene Brage impartiron o 24 de outubro a conferencia Talentos Inclusivos. Un proxecto para a inclusión educativa nos centros. O relatorio permitiu dar a coñecer esta iniciativa e poñer o foco na importancia de impulsar propostas que favorezan a inclusión educativa nos centros escolares a través da ciencia, a tecnoloxía e o traballo colaborativo.
Durante a presentación tamén se compartiu a experiencia do proxecto europeo Erasmus+ EDiGIT, unha iniciativa baseada na metodoloxía de Talentos Inclusivos que busca reducir a fenda dixital e favorecer a inclusión das persoas con discapacidade, especialmente das persoas con parálise cerebral.
Segundo lembra o CITIC, EDiGIT pretende trasladar esta experiencia ao ámbito educativo europeo mediante o desenvolvemento dunha metodoloxía estruturada e dunha plataforma web que facilite ao profesorado a incorporación de enfoques inclusivos no ensino das disciplinas STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática).
O Congreso Mundial de Educación EDUCA é un encontro multidisciplinar que reúne docentes de todas as etapas educativas e áreas de coñecemento, así como outros profesionais vinculados ao ámbito educativo. O seu obxectivo é fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias, establecer sinerxías e compartir liñas de actuación orientadas a mellorar a calidade da educación.
O congreso está dirixido a docentes desde educación infantil ata o ámbito universitario, profesionais como orientadores, psicólogos, xestores e directivos, estudantes universitarios e de formación profesional vinculados á docencia, así como a outras persoas interesadas na educación.
Para o CITIC, a presenza de Talentos Inclusivos e EDiGIT neste foro, a través de Javier Pereira e Irene Brage, supón “unha oportunidade para dar visibilidade ao traballo desenvolvido desde o noso centro, compartir experiencias e favorecer a transferencia de metodoloxías educativas inclusivas a outros contextos nacionais e internacionais”.
