
Vitae Consultores vai organizar este outono a terceira edición do seu curso A Avaliación do Desempeño: Deseño e Aplicación (PDF). Esta actividade formativa, de 12 horas de duración, levarase a cabo os días 25 e 26 de novembro, e os días 1 e 2 de decembro. Para poñernos en contexto, Vitae sinala que a avaliación do desempeño é o proceso destinado a determinar e comunicar aos empregados a forma en que están a desenvolver o seu traballo, e trátase dun proceso clave “na xestión de recursos humanos e nas relacións humanas dentro da organización”.
Alén de facilitar a comunicación entre avaliador e avaliado estas relevantes metodoloxías de traballo “poden permitir descubrir lagoas de información sobre os empregados, orientan a formación, melloran o desempeño e facilitan a integración no grupo de traballo, reforzan o rol de líderes e supervisores, ao mesmo tempo que poñen en marcha mecanismos de automotivación”.

A consultora tecnolóxica galega apunta tamén que o desempeño laboral inclúe gran cantidade de condutas, accións e actividades fundamentais para as organizacións que “van máis aló da execución das tarefas e funcións dun posto de traballo”. Por iso, engade Vitae, “cando falamos de desempeño, referímonos a catro dimensións do mesmo: desempeño de tarefa, contextual, organizativa e creativo-innovadora, sendo, especialmente as dúas primeiras fundamentais no desenvolvemento e aplicación dos sistemas de avaliación do desempeño nas organizacións”.
Obxectivos
· Comprender o concepto de desempeño e as súas dimensións.
· Coñecer a relevancia da avaliación do desempeño nas organizacións.
· Coñecer a importancia da comunicación no momento de implantar un sistema de avaliación do desempeño.
· Coñecer os diferentes sistemas e métodos de avaliación do desempeño.
· Aprender a deseñar un sistema de avaliación do desempeño.
· Saber aplicar un sistema de avaliación do desempeño: a avaliación.
· Aprender a levar a cabo unha entrevista de desempeño e proporcionar feedback.
A formadora: Silvia Moscoso

A persoa encargada de impartir os contidos será Silvia Moscoso, doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrática de Psicoloxía do Traballo na Universidade de Santiago de Compostela. O seu ámbito de investigación é a Psicoloxía do Traballo e as Organizacións. Foi decana da Facultade de Relacións laborais desde o ano 2012 ata o 2023. Ten catro sexenios de investigación e un de transferencia do coñecemento. Publicou máis de cincuenta artigos en revistas de prestixio como Journal of Personality and Social Psychology, Journal of Applied Psychology, Personnel Psychology, International Journal vos Selection and Assessment, European Journal of Work and Organizational Psychology ou European Journal of Personality. Coautora de libros e capítulos de libros publicados en editoriais como Prentice-Hall, Edition dea Organization París, Routlege, Springer, Wiley-Blackwell, Psychology Press, Pirámide, Sainz e Torres.
Actualmente é editora asociada de Journal of Work and Organizational Psychology e membro do Editorial Board do Journal of Occupational and Organizational Psychology e do International Journal of Selection and Assessment. Membro da American Psychological Association, a Society of Industrial and Organizational Psychology e da European Associaton of Work and Organizational Psychology. É revisora ad hoc de revistas como a European Journal of Work and Organizational Psychology, Personality and Individual Differences e da Spanish Journal of Psychology.

