
Este sábado 7 de novembro celebrarase na Coruña a primeira edición de Abastos de Ciencia, unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, desenvolverase entre as 11:00 e as 15:00 e permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza nos centros, facultades e grupos da institución académica.
As propostas abranguen disciplinas como a fisioterapia, a informática, a enxeñaría, a economía, a sustentabilidade, a educación, a historia, a xeoloxía e as ciencias sociais, entre outras.
A partir das 11:30 horas celebraranse catro mesas redondas, con persoal investigador Ramón y Cajal da UDC que desenvolven a súa actividade nos distintos centros de investigación da universidade como son CICA, o CITEEC, o CITENI e o CITIC. Nestes encontros abordarán cuestións de actualidade científica desde diferentes perspectivas.
A primeira, titulada Un planeta en transformación: pasado, presente e futuro, contará coa participación de Armand Hernández Hernández, Pablo Pita Orduna, Blanca Moncunill Solé e Luis Alejandro Blanco Calvo.
De 12:00 a 12:30 horas desenvolverase a segunda conversa, Comprender o invisible: modelos, simulacións e novas tecnoloxías, con José Luis Rodríguez Sánchez, Jose A. Iglesias Guitián e Antonio José Álvarez Naveira.
Logo dunha pausa para o café, a programación continuará ás 13:00 horas coa mesa As fronteiras da medicina: detectar, tratar e rexenerar, na que participarán Juan Antonio Fafian Labora, Aurora Rodríguez Rodríguez, María Elena Rodríguez García-Rendueles e Ana Rey Rico.
A última das conversas, Cerebro e vida cotiá: como pensamos, nos comunicamos e regulamos o corpo, terá lugar de 13:30 a 14:00 horas e reunirá a José Luís Pardo Vázquez, Silvia Martínez Ferreiro, Luís Varela Fernández e Diego Álvarez Estévez.
Obradoiros para experimentar coa ciencia

Ademais das mesas redondas, a oferta de actividades permitirá achegarse á investigación universitaria dun xeito práctico e participativo. Así, entre as 11:00 e as 14:00 horas, desenvolveranse diversos obradoiros simultáneos e abertos a todos os públicos. As propostas abranguen desde a saúde e a evolución humana ata a informática, a intelixencia artificial, a computación cuántica e a enxeñaría. O público poderá, entre outras actividades, coñecer estratexias para o manexo da artrose de xeonllo, experimentar coa xeración de enerxía eólica, descubrir como se aplican os algoritmos ao estudo do sono ou explorar os principios da mecánica cuántica a través de xogos e demostracións.
A programación incluirá tamén actividades sobre economía e sustentabilidade, almacenamento de enerxía renovable, educación e intelixencia artificial, así como propostas de divulgación histórica e creación de chapas inspiradas nas divisas históricas. Haberá ademais espazos para reflexionar sobre o territorio mediante o xogo, realizar experimentos científicos, descubrir a evolución humana a través da observación de cranios e achegarse á enxeñaría civil mediante experiencias relacionadas co ferrocarril, as pontes e os materiais. Completan a oferta dous obradoiros do CICA sobre os solos, a vexetación e a erosión, e sobre o enfoque One Health, que aborda a saúde desde unha perspectiva interdisciplinar.
A xornada rematará cun concerto de Carmela, previsto entre as 14:00 e as 15:00 horas. Ademais, o público contará durante toda a mañá con postos de comida e bebida de WACO, A Parva, La Ramona, Pastelería Palestina e Alla Romana.

