
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, defendeu a necesidade de abordar a ciberseguridade como unha responsabilidade compartida entre as administracións públicas, o ámbito do coñecemento e a industria. Así o sinalou durante a inauguración do VI Encontro Galego de Ciberseguridade, onde incidiu na importancia de preparar a sociedade fronte á evolución das ameazas dixitais.
Corgos lembrou que o encontro se celebra no marco do Mes Europeo de Ciberseguridade, unha iniciativa que a Unión Europea promove desde 2012 e que este ano pon o foco na protección no ámbito laboral. A campaña busca reforzar a concienciación e a preparación fronte a ameazas como o phishing, a fraude, o ransomware e as estafas que empregan intelixencia artificial.

O conselleiro advertiu de que a IA está a facilitar ataques máis rápidos, escalables e accesibles, especialmente pola súa capacidade para facer máis convincentes as suplantacións de identidade. «Todos, administracións, sector privado e cidadáns, debemos centrar todos os nosos esforzos en estar preparados para o que vén», sinalou.
Tamén reclamou que os recursos e as capacidades en ciberseguridade estean ao servizo dos sectores produtivos e do conxunto da sociedade, así como impulsar a formación de novos profesionais desde as etapas escolares.
Galicia conta con cursos de especialización en ciberseguridade na Formación Profesional, orientados tanto á protección da información e dos datos como á seguridade dos procesos industriais e das operacións físicas. Estas iniciativas complétanse coa rede galega de laboratorios e centros demostradores, cuxa actividade se está a reforzar coa participación nun dos proxectos estatais das Redes Rexionais de Especialización Tecnolóxica (RETECH).
Corgos felicitou a AMTEGA e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia pola organización do encontro, que se consolidou como unha cita de referencia para o ecosistema galego da ciberseguridade. A xornada reúne profesionais, empresas, administracións públicas, estudantes e cidadáns para compartir coñecemento, coñecer novas solucións e analizar os desafíos derivados da evolución das ameazas dixitais.

