
Estes días púxose en marcha unha nova plataforma dixital galega que nace co obxectivo de reunir toda a oferta de lecer, cultura, diversión e actividades da Coruña nun único lugar. Trátase de Coruña Viva, en palabras do seus creadores “un espazo para descubrir que ocorre na cidade, atopar plans e gozar de todo o que temos ao redor: concertos, música en directo, espectáculos, exposicións, cinema e actividades para diferentes públicos”.
Esta axenda en liña foi lanzada para abranguer a máxima cantidade de propostas: “Desde as grandes citas ata eses pequenos eventos en bares, salas e barrios que tamén merecen ser descubertos”, indican, engadindo que a intención é “reunir unha programación cada vez máis completa e doada de consultar, xunto con información sobre museos, fundacións, salas de exposicións e cinemas, para que organizar un plan ou descubrir un espazo sexa sinxelo”.
A plataforma conta con máis de 2.000 locais de hostalería rexistrados na cidade, para explorar onde picar ou tomar algo e atopar opcións próximas á localización da persoa usuaria.
Ademais, Coruña Viva integra a consulta de paradas de autobús e próximas chegadas en tempo real, a localización de paradas de taxi e a información das estacións de BiciCoruña. “Elixir un plan e
consultar como chegar forman parte dunha mesma experiencia”, indican, apuntando que “Coruña Viva quere achegar a cidade a veciños e visitantes, dar visibilidade aos seus espazos e a quen organiza actividades, e converterse nun lugar de consulta habitual para vivir a Coruña cada día”.
