
O director do CINTECX, David Patiño Vilas, e o investigador Jacobo Porteiro Fresco, integrantes do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) do centro de investigación da UVigo, participaron no 48th Task Leaders Meeting (TLM) do Programa de Colaboración Tecnolóxica sobre Combustión Sostible da Axencia Internacional da Enerxía (IEA), celebrado entre os días 18 e 23 de outubro en Busan (Corea do Sur).
A súa presenza neste encontro internacional tivo como principal obxectivo presentar os avances tecnolóxicos do proxecto europeo MarPower e dar visibilidade ao traballo desenvolvido polo CINTECX no ámbito da transformación (e a transición) enerxética do sector marítimo.
O encontro reuniu especialistas internacionais en tecnoloxías de combustión sostible para compartir avances orientados á descarbonización do transporte e dos sistemas de xeración de enerxía.
Jacobo Porteiro presentou a comunicación From Turbine Components to Ship-Level Digital Twins: The MARPOWER Hydrogen Gas Turbine, na que expuxo os avances acadados polo proxecto no desenvolvemento dun xemelgo dixital capaz de reproducir virtualmente o comportamento dunha turbina de gas alimentada con combustibles alternativos e a súa integración en buques de nova xeración.
O CINTECX lidera en MarPower o paquete de traballo dedicado á plataforma dixital de simulación e validación do sistema, unha das contribucións clave do centro ao proxecto europeo.
En Busan, os investigadores presentaron o xemelgo dixital desenvolvido no marco do proxecto, unha réplica virtual que permite estudar o comportamento do sistema enerxético antes da súa construción ou posta en funcionamento real.
Mediante esta ferramenta, os investigadores poden analizar como responden a turbina e o resto dos equipos ante diferentes condicións de operación, detectar posibles melloras no deseño e avaliar distintas estratexias de funcionamento sen necesidade de realizar custosos ensaios físicos.
“O xemelgo dixital permítenos analizar o comportamento do sistema desde os compoñentes da turbina ata a súa integración completa no buque, facilitando a avaliación de novas configuracións e reducindo os tempos de desenvolvemento”, explicou Jacobo Porteiro.
A contribución do CINTECX a MarPower conta tamén coa participación do investigador Sergio Chapela, que traballa na integración dos distintos modelos dixitais desenvolvidos polos socios do proxecto. Na práctica, esta tarefa consiste en conectar nun mesmo contorno de simulación as representacións matemáticas de todos os elementos que forman parte do sistema enerxético, desde a turbina ata os equipos encargados de aproveitar a calor residual ou controlar o seu funcionamento.
Segundo explica o CINTECX, “esta integración é fundamental para que o xemelgo dixital poida comportarse de xeito similar a unha instalación real e reflectir como afectan os cambios nun compoñente ao rendemento do conxunto”. Chapela engade que “a integración de modelos permítenos analizar como inflúen os distintos subsistemas no comportamento global da planta. Contar con todos eles conectados nun mesmo contorno de simulación proporciónanos unha visión moito máis completa e realista do sistema”.
Financiado polo programa Horizon Europe, MarPower ten como obxectivo desenvolver un sistema de xeración eléctrica para buques baseado nunha turbina de gas de alta eficiencia capaz de funcionar con combustibles alternativos de baixo impacto ambiental, como o hidróxeno, o amoníaco, o metanol ou o metano de orixe renovable. O proxecto busca contribuír a un dos grandes retos do sector marítimo: reducir as súas emisións mediante tecnoloxías que permitan avanzar cara a unha navegación máis respectuosa co medio ambiente.


