Pódese gravar un vídeo clip sen cámaras? A tenor do resultado da feitura visual do máis recente single que Radiohead extrae da súa obra In Rainbows (da que xa temos falado nesta mesma web con motivo da súa peculiar comercialización na Rede), a resposta é si. Outra cousa é que nos guste. O caso é que coas imaxes que acompañan ó seu tema House of Cards, vense de constatar o que en certa maneira xa se sabía: a Thom Yorke e ao resto do grupo gústanlles máis as novas tecnoloxías dixitais (como ferramentas de creación, de presentación e tamén de distribución) ca un tuneiro galego o reggaeton.
De feito, e para que se entenda, o seu vídeo clip de The House of Cards está feito só con tecnoloxía láser e de datos, información que (por certo) se pode adquirir e empregar de xeito libre nunha páxina aloxada por Google e con licenza Creative Commons, sinala estes días Elpais.com.
Máis polo miúdo, para a elaboración do vídeo a banda empregou unha ferramenta de xeometría informática que xera raios de luz que se proxectan en determinados obxectos, neste caso os membros do grupo. Estes raios, no caso de reflectirse a curta distancia sobre o que haxa diante, rexistran imaxes en tres dimensións. Para quen queira afondar nesta tecnoloxía, dicirlle que na devandita páxina de Google se informa en detalle sobre a gravación do vídeo. Asemade, e tratándose como se trata de un produto aberto (non así a propia música), é posible usar os datos cun simulador ou facerse coa aplicación informática empregada polo grupo co fin de levar a cabo un produto semellante.
Radiohead ponlle imaxes en 3D ao seu novo single cunha ferramenta aberta
Compartir Este Artigo

