
Como estaba previsto, Paramount completou hoxe a adquisición de Warner Bros. Discovery (WBD), unha operación que dá lugar a unha nova compañía denominada Skydance e que reúne baixo unha mesma estrutura dous dos grandes grupos históricos do entretemento estadounidense.
A operación, aprobada polos organismos de competencia de preto de 70 xurisdicións, integra dous grandes estudios cinematográficos, dous servizos globais de streaming e unha ampla carteira de televisión, incluíndo CBS, HBO e as redes de cable de Paramount e WBD. Tamén pasan a formar parte do novo grupo CBS News, CNN, CBS Sports e TNT Sports, ademais de franquías como Top Gun, Harry Potter, The White Lotus e SpongeBob SquarePants.
A nova Skydance asegura que parte dun catálogo audiovisual que considera o máis diverso entre os grandes estudios, máis de 200 millóns de subscritores nos seus servizos de streaming e unha carteira deportiva de gran dimensión. O grupo comprométese a producir polo menos 30 películas para salas cada ano, todas elas cunha xanela mínima de 45 días, ademais das máis de 180 series e programas de televisión que xa ten en marcha.
A integración tamén afectará á oferta de streaming. Os diferentes servizos directos ao consumidor das dúas compañías iranse unificando co tempo nunha única plataforma, acompañados de melloras nos produtos e na infraestrutura tecnolóxica.
David Ellison, presidente e conselleiro delegado de Skydance, cualificou a operación de «día histórico» e asegurou que o obxectivo é crear «un competidor máis forte», con recursos e alcance suficientes para desenvolver contidos en todos os xéneros e plataformas.
A operación ten tamén unha importante dimensión financeira. Skydance estima uns ingresos anuais próximos aos 70.000 millóns de dólares e fixa como obxectivo obter máis de 6.000 millóns de dólares en sinerxías recorrentes nos próximos tres anos. Os aforros procederán principalmente da integración tecnolóxica, compras, márketing e racionalización de activos inmobiliarios.
O novo grupo prevé superar os 10.000 millóns de dólares de fluxo de caixa libre en 2030 e reducir o seu nivel de endebedamento ata unha ratio de 3 veces ao final de 2029. O investimento en contidos superou os 30.000 millóns de dólares no período de doce meses anterior ao peche da operación.
A adquisición supuxo tamén a saída de Warner Bros. Discovery do Nasdaq. Os seus accionistas recibiron 31,01666668 dólares en efectivo por cada acción, mentres que as accións de clase B de Skydance comezan a cotizar este mesmo martes na Bolsa de Nova York baixo o símbolo SKYD.
A familia Ellison mantén a maior participación accionarial en Skydance, mentres que a propia familia Ellison e RedBird Capital Partners son os únicos titulares das accións ordinarias de clase A, que concentran o 100 % dos dereitos de voto da compañía combinada. A operación contou con 47.000 millóns de dólares de novo investimento en capital, achegados pola familia Ellison, RedBird, o Public Investment Fund, L’IMAD, Qatar Investment Authority e LionTree.

