Para dar un pulo ao sistema operativo Windows Vista, Microsoft vai emprender unha campaña publicitaria por valor de 300 millóns de dólares, que pretende arroxar luz sobre unha plataforma que está a ser moi criticada e non conta coa boa sona que mantén Windows XP (que continúa a ter moitos adeptos). Aínda que xa está anunciado que en xaneiro de 2010 chegará Windows 7, mentres Microsoft ten que vender Vista aos consumidores, polo que cómpre mellorar a imaxe deste sistema operativo que mellorou considerablemente dende o seu lanzamento hai 18 meses.
Dende Microsoft están seguros de que Windows Vista é un sistema moito mellor que a imaxe que se ten do mesmo, polo que mellorar a súa sona é unha das prioridades da compañía de Redmond. Non estaría de máis lembrar que durante os primeiros meses de vida do Windows XP tamén se producía unha situación semellante, e agora todo son eloxios para el (e resulta indiscutible que é o sistema operativo de Microsoft que acadou o período de explotación máis longo).
A nova campaña aínda está por presentar, e a propia Microsoft desmentiu que as imaxes que circulan pola web co lema houbo un tempo no que todos pensaban que o mundo era plano non se corresponden coa mesma, e a páxina web á que apuntaría a imaxe leva operativa dende hai medio ano, ou sexa, que haberá que agardar para que se presenten as novas creatividades que poñan a Vista no seu sitio.
Microsoft gastará 300 millóns de dólares en mellorar a imaxe de Windows Vista
Compartir Este Artigo
