A creación da tenda de aplicacións para o iPhone parecía que podería pór en perigo a supervivencia dos desenvolvementos de software non oficiais, pero a polémica vén de confirmar que para permitir a libre publicación de programas para o móbil de Apple é preciso que existan canles de distribución alleos á empresa de Cupertino.
Nas últimas horas apareceu na tenda de programas unha aplicación de Nullriver chamada NetShare e que permitía compartir a conexión 3G do iPhone a través de Wi-Fi establecendo un proxy, o que podería violar os contratos de moitos usuarios, pero que en ningún momento violaba as condicións que Apple pon para a incorporación á súa tenda, pero ás poucas horas a aplicación desapareceu, creando un auténtico rebumbio en toda a Rede, xa que dende a propia Nullriver recoñeceron que non sabían o que estaba a pasar, pois Apple non se puxo en contacto con eles.
Lembremos que as aplicacións da App Store pasan un control previo, polo que resulta surrealista que se tomen medidas a posteriori, dando a impresión de que distintas operadoras de telecomunicacións presionaron a Apple para que impedise a comercialización da aplicación que permitía aproveitar a tarifa plana de conectividade móbil dende un ordenador con Wi-Fi.
As funcións de NetShare xa se podían emular mediante software non oficial gratuíto, pero o feito de que se incorporase unha aplicación deste tipo na tenda oficial facía moito máis doado o seu uso, pois non é preciso ter liberado o terminal para aproveitar a súa conexión 3G dende o portátil.
Vídeo no que se podía ver cómo funcionaba o NetShare
ACTUALIZACIÓN: Finalmente a aplicación volveu á App Store do iPhone, pero o baile do programa de seguro que danou a imaxe de Apple e serviu para que os responsables doutras plataformas de aplicacións coma o Installer ou Cydia gañen apoios da comunidade de usuarios.
Polémica por mor dunha aplicación que permitía aproveitar a conexión 3G do iPhone a través de Wi-Fi
Compartir Este Artigo
