Esta mañá presentouse ante os medios o programa so Salón Internacional de Tecnoloxía (SITE) que terá lugar os días 17 e 18 de novembro no recito de EXPOCoruña, facendo de heraldos deste evento a directora xerente do enclave no que terá lugar o congreso, Ana Montes; o director xeral da Cámara de Comercio de A Coruña, Gonzalo Ortiz; e o director xeral de sistemas de Caixa Galicia, José Manuel Valiño.
A responsable de EXPOCoruña adiantou que o SITE 2010 xa ten ocupados os seus 2.500 m2 de exposición, contando coa presenza de compañías de relevancia internacional que amosarán as súas actividades no Salón, coma Acceture, Altia Consultores, Caixa Galicia, ConfirmSign, Enxendra, IBM, Indra, Lleida.net, R, Ricoh, Tecnocom, Fujitsu ou HP; aínda que este apartado do encontro que busca ilustrar sobre a evolución dos novos modelos de negocio e xestión que nacen da aplicación das TIC centrará os seus esforzos nun Congreso que ten lugar en paralelo, e que parte dunha conferencia inaugural de luxo por parte de Chris Skinner, de Balatro Ltd. E responsable dun importante blog financeiro, quen falará dos desafíos dos bancos europeos na conxuntura económica actual.
Gonzalo Ortiz, da Cámara de Comercio de A Coruña, quixo destacar o feito de que SITE 2010 contará coa presenza de Gabriel Moneo Marina, director xeral de Sistemas do Grupo Inditex, dentro dunha mesa redonda sobre tecnoloxía para a internacionalización, o que será unha oportunidade única para coñecer de primeira man as chaves do éxito da nova tenda en liña de Zara, o que de seguro atraerá a moitos a asistentes ao evento.
Pola súa banda, José Manuel Valiño, de Caixa Galicia, destacou que, aparte da mesa redonda sobre modelos de desenvolvemento tecnolóxico en banca que moderará (e na que participarán tanto bancos como caixas, contrastando as súas estratexias de negocio), vai ter especial interese o relatorio que impartirá Xavier Marcet i Gisbert de LTC Project sobre a innovación aberta, no que esperan que sexa unha intervención sumamente produtiva.
Ortiz e Valiño tamén comentaron que a idea da celebración do SITE 2010 vén da observación da enorme atención que captara en A Coruña o COMMERX 99, de aí que considerasen preciso dar continuidade a tal tipo de eventos, para o que contan agora co respaldo da Xunta de Galicia, a Cámara de Comercio de A Coruña e Caixa Galicia coma institucións de referencia no Salón, e de moitas outras entidades coma o Banco Pastor, R, Credit Agricole, a Confederación de Empresarios de Galicia, Inditex, o Cluster TIC, o Concello de A Coruña e a Deputación Provincial de A Coruña.
O SITE 2010 achegará os avances en innovación na banca, o comercio electrónico e a relación coas Administracións Públicas
Compartir Este Artigo

