A mediados de setembro estreouse a tenda en liña de Amazon en España, que chegou só con produtos físicos, deixando o dixital para máis adiante, e agora parece que se aproxima o novo salto evolutivo de Amazon.es, xa que para o vindeiro xoves está previsto un anuncio da compañía que parece tratarse da apertura da súa tenda de libros electrónicos en España.
Ata o momento os lectores de libros electrónicos están a ser un rotundo fracaso no noso territorio, en boa medida pola tremenda carencia de e-books en español (e outras linguas do Estado) para consumir neses dispositivos, contrastando coa situación de EE.UU., onde Amazon conseguiu popularizar os dispositivos e a plataforma Kindle para o acceso aos contidos electrónicos, que incluso está a avanzar máis aló dos libros e os xornais para saltar, grazas ao tablet Kindle Fire, a revistas, películas, series de televisión, aplicacións e videoxogos. Entendemos así que o lanzamento da tenda en liña de Kindle tamén podería vir acompañada cos dispositivos de lectura de Amazon, que ata o momento podían importarse a España pero resultaba un tanto absurda a súa compra, por non vir amparada por un servizo competente de descarga de contidos, o que agora parece que está en vías de solución.
Amazon podería estrear esta semana en España a súa tenda de e-book
Compartir Este Artigo
