Os responsables de Praza Pública levaban meses anunciándoo, que iamos ter un novo medio dixital en galego, e finalmente cumpriron coa ameaza. Hoxe mesmo, quen ande pola Rede poderá comprobalo: Praza Pública é xa unha realidade, en activo e dando información na nosa lingua, reanimando na medida do posible un panorama, o do noso xornalismo, que se inclina de máis cara un único polo, o da comunicación en castelán, de ideoloxías comúns, e deixando outros polos desatendidos. A posta en marcha da nova canle foi precedida por unha presentación da mesma, o martes no Museo do Pobo Galego de Santiago, onde se fixo fincapé en cuestións como o financiamento (doazóns e subscricións, aspirándose a captar un milleiro de subscritores para acadar viabilidade) e a liña editorial (máis transparencia na xestión económica e informativa).

Segundo fai saber a redacción de Praza Pública con motivo da súa materialización oficial na Rede, estamos ante un proxecto pensado e deseñado para Internet, sustentado na idea de que representa a mellor plataforma posible para a comunicación actual na nosa lingua. Por ser para a Rede e por estar na Rede, conscientemente, o proxecto tamén é innovador. De feito, constitúe un dos primeiros xornais do mundo concibidos de xeito íntegro para o estándar de HTML5, que tira o máximo partido dos recursos dispoñibles en internet, “e que ademais o fai en formatos libres e abertos”, informa Praza Pública. E engade, subliñando a cuestión: “O HTML5 ábrelle a porta ao aproveitamento realmente multimedia dos contidos xornalísticos”. Para dar conta da implicación desta novidade, o xornal achegou os días pasados un corte de audio e máis un vídeo coa última entrevista feita a Isaac Díaz Pardo.
O novo medio dixital tamén salienta na versatibilidade do seu formato, con vistas a adaptar a nova canle a calquera dispositivo que carretemos, non só o computador, senón tamén tablets e smartphones. A pantalla, a face visible do xornal, está de feito pensada para as tecnoloxías de emprego e tamaño destes trebellos.
Amais do devandito, preténdese sacarlles proveito ás redes sociais, non só como método de estar cos lectores, de chegar a eles e tomarlle o pulso á súa opinión, senón como un espazo para medrar. Esta idea apóiase nun feito concreto: cada vez máis, o que acontece nun medio acontece fóra dese medio, concretamente nas redes 2.0. “Por iso”, informan, “criamos que non tiña sentido desenvolver un sistema limitado de comentarios, como o que estamos afeitos a ver nos medios, e si apostar por integrar toda a conversa que se produce en Facebook, Twitter e Google+ (e o que virá) dentro do mesmo fío”.

Praza Pública, e outros medios como Sermos Galicia ou Dioivo, collen a testemuña de medios xa desaparecidos, como por exemplo Vieiros. O traballo da Navalla Suíza, sinalaron naquel primeiro acto de presentación, serviralles para “competir a nivel de calidade da información e de aproveitamento da tecnoloxía, achegándose potencial de abondo como para pór en marcha algo diferente e seducir á comunidade internauta, tanto pola forma como polo contido”.
Podemos seguir todo o relativo ás novas xeradas pola posta en marcha do novo medio nos seus sitios propios en Facebook, Twitter e máis no blog da redacción.
Ponse en marcha Praza Pública apostando por dous conceptos clave: a transparencia e a lingua galega
Compartir Este Artigo

