A chegada de Groupon ao mercado español fixo que os cupóns de desconto convertésense en todo un fenómeno que en Galicia tamén ten o seu reflexo, e tras a chegada de plataformas como BuyDeal e KeChollo temos agora unha proposta que chega dende Ribeira, e que xa fora presentada en público na pasada edición de Compostweets: Mundo de Planes.
MundodePlanes.com é unha plataforma en liña de compras colectivas que mediante a xeolocalización ofrece aos usuarios descontos de ata o 70% en viaxes, escapadas, beleza, saúde, restaurantes, produtos exclusivos… que quere beneficiar tanto a consumidores finais como a empresas que acheguen as súas ofertas a través deste servizo. Esta iniciativa está a dar os seus primeiros pasos, tendo como pretensión a de permitir compras rápidas que poidan gozarse ata en 6 meses dende a súa adquisición, buscando que o goce e o aforro poidan ir da man.
Mundo de Planes iniciou a súa andaina de xeito oficial a semana pasada, e como exemplo das súas ofertas temos unha noite na casa rural Entre Os Ríos (A Pobra do Caramiñal) por 20 euros (o que suporía un desconto dun 78%) e 16 cartuchos de tinta compatibles con certas impresoras das marcas Epson e Brother por só 18 euros (supón un desconto do 48%).
Mundo de Planes, unha nova plataforma de descontos nacida en Ribeira
Compartir Este Artigo
