A plataforma que serve para compartir de balde milleiros de publicacións impresas dixitalizadas, YouKioske.com, no que figuran numerosas revistas, libros e xornais vulnerando os seus dereitos de autor e aproveitándose economicamente da súa distribución en liña a través de publicidade, podería ter os seus días contados, pois veñen de informar da detención de 3 dos seus responsables por parte da Brigada de Investigación Tecnolóxica. A operación foi ordenada polo titular do Xulgado de Instrución 5 da Audiencia Nacional, Pablo Ruz, a instancias do fiscal Daniel Campos, que imputa un delito de organización ilícita e outro contra a propiedade intelectual aos irmáns David e Óscar González (de Villaviciosa de Odón) e ao seu socio Raúl Luque (de Xetafe).
Ao parecer, o xuíz tería ordenado a suspensión cautelar da páxina, para o que solicitaron a colaboración da empresa que hospeda tal páxina en Canadá, medida que non parece estar a dar bos resultados, pois de tal peche cautelar xa se falar hai 3 meses nos medios de comunicación, e o servizo en liña continúa operativo hoxe e, de feito, está a experimentar problemas de saturación neste momento, no que parece ser ser consecuencia do habitual efecto Streisand.

Dende o diario El Mundo aseguran que YouKioske.com factura preto dun millón de euros ao ano, e que a Brigada de Investigación Tecnolóxica do Corpo Nacional de Policía recompilou probas suficientes para poder acusar aos detidos, que de demostrarse que eran eles mesmos os que subían á Rede as publicacións das que carecían dos dereitos de explotación correspondentes poderían ter que facer fronte a condenas de ata 4 anos de cadea.
ACTUALIZACIÓN: Finalmente parece que o dominio de Internet YouKioske.com non está operativo, remitindo a domyn.com.
Deteñen aos responsables de YouKioske.com
Compartir Este Artigo
