Dito e feito. Pontevedra ía ter un medio dixital novo este 1 de outubro e así foi. Como avanzamos os días pasados dende Código Cero, trátase de Pontevedra Viva, unha canle de información local que, como o seu propio nome indica en boa medida, lánzase á procura de todo aquilo que na cidade do Lérez teña maiores cantidades dos seguintes ingredientes: actualidade, participación, colaboración, comunicación e proximidade. Por temas, a web, centrada na cidade a súa comarca e noutros concellos próximos (como os de O Salnés ou O Morrazo), centrarase sobre todo en cuestións culturais e sociais, e tamén nos deportes, aos quere seguir de preto dándolle “un tratamento específico”.
A publicación en liña lánzase en formato de dúas versións (galego e castelán). Tras ela, atópase media ducia de profesionais da comunicación que coincidiron na necesidade de combater os tempos críticos polos que está a pasar o sector collendo as rendas dunha iniciativa de seu. De feito, proceden en boa medida de medios que pecharon as súas portas ou que tiveron que reducir o equipo de traballadores. Xuntos decidiron apostar, tamén, polo eido dixital, en boa medida porque non implica os elevados custes de imprimir unha publicación e distribuíla, pero tamén porque permite un contacto máis próximo cos lectores, tanto é así que en moitas ocasións estes convértense en parte activa da redacción. De feito, dende Pontevedra Viva xa están a facer un chamamento ben claro á participación en calquera da súas formas construtivas.
En marcha o xornal dixital Pontevedra Viva
Compartir Este Artigo
