Recentemente falabamos nesta web de novos xeitos de procurar un posto de traballo logo dos estudos universitarios, e de como facelo a través das redes e botando man do maxín e a creatividade, semellaba un bo xeito de comezar o labor. Pablo Pedrido, ex alumno da Universidade de Vigo onde se titulou en Publicidade e Relacións Públicas, servíanos de exemplo do devandito. Como recordaremos, foi quen de pór en marcha unha web que rompía modelos nun eido inmobilista coma poucos: o da creación e envío de currículos persoais. A iniciativa desenvolveuse a través de rescataaunespañol.com, unha páxina dende a que se lles lanzou un reto ás/aos posibles contratadoras/es: o de evitar, contratando a Pablo, que se vira obrigado a buscar traballo fóra da súa terra. Pois ben, segundo nos conta a Universidade de Vigo, Pablo Pedrido acadou o seu obxectivo.
Así, a súa proposta deu resultado e Pedrido foi fichado por unha axencia de publicidade catalá, globally.es, que coñeceu esta iniciativa a través dos medios de comunicación. Con todo, o éxito non impediu que tivese que emigrar, certamente, de Vigo a Barcelona, aínda que este ex alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra confesa sentirse ante todo satisfeito coa experiencia e confiado e ilusionado coa súa andaina no eido publicidade. Ao seu xuízo, “que nunha profesión como a ligada á publicidade, na que vivimos de ideas, que unha iniciativa propia e illada logre máis ou menos cumprir o obxectivo é todo un éxito”. Pedrido ocupa no seu novo posto o cargo de executivo de contas e confesa sentirse “encantado” co traballo.
Remata con éxito a demanda laboral do ex alumno de Campus de Pontevedra que rompeu moldes co seu currículo-web
Compartir Este Artigo
