O FastMPJ Summer of Code, certame do que falamos nesta web con motivo da súa posta en marcha no mes de xullo, xa foi resolto. A iniciativa, organizada por un grupo un grupo universitario galego (da UDC) para demostrar as vantaxes do desenvolvemento de proxectos en Java utilizando a librería de paso de mensaxes FastMPJ, consistiu en retar aos diferentes participantes para desenvolveren un proxecto empregando os devanditos códigos-linguaxes. Finalmente, tras unha longa deliberación, a organización do certame anunciou que Alexey Cheptsov, investigador do High Performance Computing Center Stuttgart (HLRS), co seu proxecto High Performance Random Indexing with MPJ, foi merecedor do primeiro premio.
Porén, o xurado decidiu conceder unha Mención Especial para Estudantes a Santiago Munín, da Universidade da Coruña, polo seu traballo Parallel Sorting Combining Quicksort and Mergesort Algorithms with MPJ. Ambos proxectos estarán dispoñibles en Google Code.
A organización quere tamén agradecer a tódolos participantes as súas achegas e espera “que a aprendizaxe de programación paralela en Java fose útil tanto a nivel persoal como profesional”. Ademais, a equipa de FastMPJ confía en que “este concurso contribuíse ao incremento do interese en Java para computación paralela e que o desenvolvemento destes e novos proxectos non remate co Summer of Code, senón que este servise como punto de partida para futuras e frutíferas colaboracións”.
O certame FastMPJ Summer of Code posto en marcha dende a nosa terra xa ten gañadores
Compartir Este Artigo
