Como anunciamos a semana pasada, dúas ramificacións de Sony (Sony Network Entertainment Internacional e máis Sony Computer Entertainment Europa) uniron forzas para pór en marcha unha nova tenda en liña específica para os usuarios de consolas e videoxogos da multinacional (PlayStation nas súas modalidades, cos xogos de seu e máis para PC) co fin de telos ao tanto, de xeito exhaustivo, das novidades e ofertas relacionadas con estes contidos. A nova web, que aínda non fora dada a coñecer de xeito oficial, foi presentada este martes como un novo chanzo no eido das tendas en liña, destaca, en palabras de Sony, pola sinxeleza da súa navegación e polas súas “poderosas ferramentas de busca”. Dispoñible en quince países europeos e máis en Australia e Nova Zelandia, nútrese de títulos (novos e non tan novos), xogos descargables, películas, series e programas de televisión.
A súa feitura segue o ronsel visual e funcional da recentemente redeseñada PlayStation Store e é parte “dun continuo proceso de desenvolvemento da plataforma de venda dixital”. A idea é manter ámbalas webs (PS Store e a nova tenda en liña) en constante proceso de actualización con “novas características que melloren o acceso a todo o contido”. Segundo engade Sony facendo fincapé nos puntos fortes do novo establecemento dixital de cara ao seareiro, “o novo servizo posibilita, entre outras cousas, que o contido que fose mercado a través dun PC apareza de xeito automático na listaxe de descargas da tenda PS Store; deste xeito usuario pode facerse co contido solicitado directamente no seu sistema PS3 e PS Vita”.
A tenda virtual está dispoñible arestora en Reino Unido, Irlanda, España, Italia, Australia, Nova Zelandia, Noruega, Suecia, Países Baixos, Rusia, Alemaña, Luxemburgo, Bélxica, Suíza, Dinamarca e Finlandia. Chegará a América do Norte e outras rexións no futuro.
Sony presenta a súa nova tenda de descargas para quince países
Compartir Este Artigo
