É sabido por todos que o móbil é unha ferramenta chave de cara a acadar unha meirande comunicación cliente-empresa e, polo tanto, un maior índice de vendas en todos os negocios de calquera índole e tamaño. As cifras así o amosan pois España conta coa maior taxa de penetración de smartphones en Europa, acadando o 66% do mercado e -segundo o informe de Investimento en Marketing Móbil 2012 da Mobile Mercadotecnia Association Spain– o investimento das empresas medrou un 45% desde 2011, sendo un dos poucos sectores que non se viu influído pola crise pois, pola contra, medrou dun xeito significativo. É por isto que a Fundación Universidade da Coruña vén de anunciar un novo curso inserido no eido do uso da tecnoloxía móbil.
O dito seminario -que dará comezo o 31 de maio- leva por nome Introdución ao Marketing Móbil e nel abrangueranse os aspectos máis importantes de cara a definir unha estratexia móbil corporativa e tamén se tratará de explicar como crear e lanzar unha campaña de marketing móbil empregando os soportes e tecnoloxías que mellores resultados acheguen. Cómpre dicir que este curso vai encamiñado a profesionais de departamentos de marketing e de publicidade, profesionais de axencias de medios online e offline, axencias creativas e medios de comunicación, profesionais do sector do comercio electrónico e social media, enxeñeiros informáticos ou de telecomunicacións e universitarios e licenciados que desexen orientar a súa carreira cara o marketing móbil. Este seminario será impartido por Hernán Rodríguez -director da Asociación Española de Comunicacións Móbiles- no Edificio Normal da Fundación da Universidade da Coruña (Campus de Riazor; r/Paseo de Ronda, 47, 2º- A Coruña).
Para aqueles interesados en asistir ao curso de Introdución ao marketing móbil, informar que o horario do mesmo será de 9:00 a 14:00 horas, sendo a preinscrición do 15 ao 29 de maio ás 12:00 horas e o custe da matrícula de 80 euros (pagamento online con desconto). Engadir que existe un desconto do 10% para estudantes universitarios UDC, socios FUAC e persoas en situación de desemprego (acreditación con cartón de demandante).
Programa
1.- Situación actual do sector móbil
2.- Estratexia móbil e integración no plan de negocio
3.- Fundamentos do marketing móbil
4.- Introdución á publicidade móbil
5.- Web e aplicacións móbiles
6.- Definición e execución dunha campaña de marketing móbil
A Fundación da Universidade da Coruña organiza un seminario de Introdución ao Marketing Móbil
Compartir Este Artigo
