Malia ter pechado oficialmente as portas, a Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos (proxecto Imagina Atlántica) que se celebrou os días pasados en Ourense segue adiante espallando a súa mensaxe: cómpre compartir esforzos para estar á altura dos grandes centros de innovación cultural e defensa do patrimonio. A conferencia, que xuntou durante dúas xornadas a ducias de profesionais das industrias culturais dos catro pobos organizadores do proxecto atlántico no que se insire (Gales, Norte de Portugal, Galicia e Poitou-Charentes/GrandAngoulême), segue viva en primeiro lugar nas redes sociais de meirande uso, onde xa podemos ver unha chea de imaxes e informacións sobre a xuntanza europea, tanto no Facebook, como no Twitter como tamén no Flickr.
Amais disto, a conferencia continuará con novas citas profesionais das que se irá informando na axenda de seu e proseguirá, a maiores, co desenvolvemento duns proxectos, os xurdidos ao abeiro de Imagina Atlántica (proxectos como as aplicacións turísticas para a Ribeira Sacra e Guimarães feitas por Astrágalo Studo, Ideias & Conteúdos e Monument Tracker) que están vivos e en constante actualización. E, ademais, que case con toda seguridade recibirán en breve a compaña de máis recursos tecnolóxicos, feitos en mancomún, para promover o patrimonio dos devanditos países atlánticos, entre os que se conta o noso.
Como dixemos no seu día, a Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos veu da man da Deputación de Ourense, que buscou xuntar a novos creadores para abordar temas do seu interese onde as novas tecnoloxías da imaxe teñen un lugar preferente. O evento desenvolveuse os días pasados no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense e contou coa presenza de profesionais do audiovisual, a ilustración e as TIC de Galicia, Francia, País de Gales e Portugal.
Na inauguración da Conferencia participou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, quen apuntou que “o fomento da creatividade xuvenil, e a través dela do emprendemento, é un dos sectores básicos da nova Lei de Xuventude de Galicia, porque sen dúbida, as ideas dos novos emprendedores están chamadas a ser as encargadas a impulsar a competitividade”.
A Conferencia sobre Territorios Creativos celebrada en Ourense segue viva nas redes sociais
Compartir Este Artigo
