Os expertos de Territorios Creativos avogan por unha aposta atlántica común a prol da innovación e o patrimonio

xoves, 27 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

Ourense acolle estes días (xoves e venres) no Centro Cultural Marcos Valcárcel unha xuntanza de diferentes países europeos, co nexo común do seu substrato atlántico, baixo o nome de Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos. O evento, que na primeira xornada contou coa asistencia de máis de medio cento de profesionais das industrias culturais dos catro pobos participantes (Gales, Norte de Portugal, Galicia e Poitou-Charentes/GrandAngoulême), está incluído dentro do programa Imagina Atlántica, que pretende pór en valor a riqueza cultural destas áreas xeográficas e darlle a difusión merecida mediante a innovación e a creatividade ao servizo do audiovisual, a animación, a banda deseñada ou as aplicacións TIC. Logo da inauguración a primeira hora (da que xa dimos conta en Código Cero), a xornada proseguiu cun bo número de presentacións sobre diferentes traballos de desenvolvemento local, presentacións que coincidiron todas elas no seguinte punto: cómpre unir forzas entre os profesionais da industria cultural das ditas áreas para facer o que ninguén vai facer por elas, que é deixar de ser contornas periféricas no sentido produtivo (no cultural e na presenza de identidade propia, nunca foron periféricas).
Como dixemos, o evento reúne en Ourense a un grande número de profesionais do audiovisual, a ilustración e as novas tecnoloxías. Código Cero puido asistir ás intervencións de recoñecidos expertos na materia como por exemplo Xavier Hurteau, director xeral delegado de GrandAngoulême, quen ao igual que o resto dos relatores avogou claramente por traballar ombro con ombro, máis aínda que até o de agora, e por facer esforzos realmente firmes por pasar dos ditos aos feitos. Só desta maneira, sinalou, poderemos ir máis lonxe na posta en valor de todo o que atesouramos, que é moito e que se materializa nunha chea de ámbitos: arte, arquitectura, cultura, paisaxe, identidades propias e definidas, potencial turístico, etc. Hurteau tamén se amosou partidario de facer o máximo fincapé na formación e expuxo exemplos disto postos en marcha en Angoulême, tanto no eido da imaxe coma da banda deseñada (de feito, a cidade francesa é a capital europea do cómic), a animación ou os videoxogos. Ao seu xuízo, “cómpre resistir perante a competencia das áreas máis poboadas e mellor situadas”, e para isto é imprescindíbel crear identidade, contar historias, co fin de que haxa máis turistas que nos descubran. Na súa opinión, as novas tecnoloxías son unha oportunidade clara para diferenciarnos dos outros.
Outro experto en innovación, desenvolvemento local e patrimonio ao que tivemos ocasión de escoitar no congreso de Ourense foi Xesús Lage, docente da Universidade de Vigo e responsábel do Grupo Territorios Creativos do proxecto Imagina Atlántica, quen adicou a súa intervención a amosar o potencial de traballo conxunto das áreas xeográficas incluídas na iniciativa e, tamén, a achegar unha serie de recomendacións para que os resultados do dito labor sexan aínda máis eficaces. Segundo explicou, o traballo do seu grupo é máis cualitativo que cuantitativo, centrándose en recabar información detallada sobre os referentes propios dos catro pobos, cadansúas identidades, e como se comunican eses referentes (no caso galego-portugués, as ligazóns son moitas e variadas e veñen de moi antigo). O grupo de traballo, dixo, ten constatado o alto valor creativo atribuído ao audiovisual, ao multimedia, ao patrimonio e ao turismo. Estes sectores, comentou, contribúen a diversificar a economía dos países, a promover o emprego (moi cualificado e xuvenil), a innovación tecnolóxica que aposta polo patrimonio e a identidade (nos catro países participantes hai grandes exemplos disto, manifestou). “As catro áreas”, engadiu, “teñen un enorme e rico patrimonio con características propias, e isto é algo que está a inspirar creatividade e innovación, e sen renunciar á influencia positiva de correntes multiculturais actuais”. Na súa opinión, as TIC facilitan o traballo colaborativo, pero é importante xerar antes proxectos como Imagina Atlántica, que favorezan a confianza para logo traballarmos xuntos, en liña. Estas industrias, afirmou, atesouran gran capacidade para seren flexíbeis, moito máis ca outros sectores, máis inmobilistas fronte á crise produtiva. Un exemplo disto é o que acontece no Norte de Portugal, explicou, onde malia o clima imperante de recortes estase a xerar un auténtico boom de creatividade.

PUBLICIDADE