Estremadura, á vangarda dende hai anos en emprego de código aberto para a súa administración autonómica, segue a dar pasos cara a supresión de barreiras de comunicación entre as institucións e a cidadanía. Así, logo dun ano de ter comezo a elaboración do texto, o Goberno de Estremadura aprobou en primavera a Lei de Goberno Aberto, que entrará en vigor o vindeiro mes de novembro achegando cousas concretas como a posta en marcha dun portal de transparencia para finais de setembro e dun portal de reutilización de datos do sector público para principios de decembro. Cómpre lembrar que esta Lei, tamén coñecida como Lei de Transparencia da Administración, é filla do seu tempo. De feito, o caso estremeño non é único, e Comunidades como Andalucía, A Rioxa, Nafarroa, Euskadi, Castela e León, ao que podemos engadir a nosa, levan xa tempo dando pasos cara ao que se vén chamando Open Data. De feito, todas elas aprobaron xa esta lexislación ou se atopan en vieiro de facelo. No caso da Administración galega, un exemplo de iniciativa de datos transparentes é o portal Abert@s.
Todas estas iniciativas, incluída a estremeña, teñen o obxectivo común de ofrecer respostas e información precisa e específica fronte á maior demanda de democratización da cidadanía. Deste xeito, no desenvolvemento da devandita Lei e das súas homólogas no Estado incorpóranse os elementos para que as administracións establezan procedementos doados e eficaces que garantan de verdade unha nova relación coa cidadanía.
Os aspectos de transparencia e información pública están recollidos en catro títulos dentro a normativa. O título I da Lei abrangue cuestións como a transparencia e a información pública que se aplicarán aos contratos públicos, a concesión de servizos, os convenios de colaboración, as subvencións e axudas, a ordenación do territorio e urbanismo, a provisión de postos e a transparencia no gasto público. O título II esixe transparencia á acción do goberno, aplicándose á totalidade dos membros do goberno así como aos altos cargos da administración rexional e de entidades públicas. O título III define os conceptos de colaboración cidadá e fixa os mecanismos para acadalo (haberá accións de difusión e promoción para dar conta destas oportunidades e vantaxes e máis dos dereitos que a lei ofrece á cidadanía). O título IV contempla as garantías administrativas e xudiciais que teñen os cidadáns para que se cumpran as obrigacións en materia de información, participación e colaboración pública.
Estremadura move ficha a prol do Goberno Aberto xunto con outras seis Comunidades (incluída a nosa)
Compartir Este Artigo
