
Segundo avanza Telecon, a achega a presentar está integrada por un concentrador de comunicacións e unha plataforma de software. E engade: “A solución é o resultado de dous anos de traballo do departamento de I+D da compañía, que está a realizar xa os primeiros despregamentos piloto con compañías galegas de distribución eléctrica; de feito o pasado mes de xuño foi presentada con notable éxito en Málaga, no congreso anual de CIDE, a asociación que reúne ás pequenas distribuidoras eléctricas españolas e que conta con máis de 230 empresas asociadas”.
Arestora Telecon está a facer un esforzo importante para colaborar co sector das eléctricas da nosa terra, co obxectivo de pór en marcha un laboratorio de referencia especializado nas devanditas smart grids. Segundo nos conta Jacobo Penide, socio director de Desenvolvemento de Negocio de Telecon, o que se pretende é tirar proveito desta oportunidade para que “Galicia se converta nun polo de referencia no mercado das redes eléctricas intelixentes, por iso contamos coa asociación de produtores e distribuidores e queremos implicar aos centros tecnolóxicos que participaron no desenvolvemento da nosa solución e ás empresas galegas do sector”.
Respecto á aposta polo estándar de Prímea (Powerline Intelligent Metering Evolution), a compañía galega sinala que se trata da tecnoloxía que máis implantación está a obter a día de hoxe a nivel internacional. En boa medida, amais dunha opción para as compañías tamén é unha obriga viable. Segundo explica Telecon, “os países da Unión Europea e o resto das economías avanzadas atópanse na actualidade en pleno proceso de adaptación das súas redes eléctricas para dotalas de tecnoloxía intelixente; así antes do 31 de decembro de 2014 todas as compañías de distribución que operan en España deben despregar plataformas de telexestión e renovar polo menos o 35% do seu parque de contadores de ata 15kW (basicamente instalacións domésticas), instalando equipos preparados para a lectura e xestión a distancia”. A contribución da empresa galega baseouse en pór en xogo un recurso flexible para estas empresas e con grandes posibilidades de personalización e de adaptación as necesidades de cada quen, moi acaído para as pequenas e medianas distribuidoras, especialmente en contornas semiurbanas e rurais.
Lembrar que ademais de permitir a lectura a distancia e en tempo real dos contadores, as redes eléctricas intelixentes brindan ás compañías “importantes vantaxes”, explica a empresa galega, como por exemplo a análise remota dos parámetros técnicos ao longo de toda a rede; a mellora da estimación da demanda e da calidade da subministración; a optimización dos investimentos e a detección de eventuais fraudes. Tamén lles permiten realizar operacións como altas e baixas, ou modificacións instantáneas da potencia contratada. Pola súa banda, coas smart grids os consumidores “poderán coñecer o seu consumo en tempo real e acceder cando se aprobe a normativa correspondente a tarifas flexibles en función de cousas como o horario, ademais de recibir atención remota no caso de incidencias na subministración”, conclúe a firma galega.
Acerca de Telecon
Telecon é unha empresa galega con 25 anos de historia que ten a súa sede na Coruña. A firma traballa en tres áreas de negocio: Sistemas de seguridade electrónica, Eficiencia Enerxética e Smart Metering. Os seus principais clientes son firmas do sector industrial, operadores e provedores de servizos de telecomunicacións, distribuidores eléctricos, empresas de seguridade e firmas integradoras e instaladoras.
A galega Telecon presenta ao noso sector eléctrico un innovador recurso para a xestión de redes intelixentes
Compartir Este Artigo
