
O despregue de 4G, que xa comezou a dar pasos de xeito simultáneo nas sete grandes cidades do noso país, acadaría os 800.000 habitantes a finais deste ano 2013, cifra que se vai elevar aos 1,2 millóns, sinalou Alonso, ao remate de 2014, con 300 estacións base equipadas coa devandita tecnoloxía “plenamente operativas”. A xuízo do director da compañía en Galicia, “a experiencia 4G de Telefónica vai ser dificilmente comparable á que provirá dos demais operadores, sobre todo porque Telefónica contará cunha infraestrutura e un tecido de rede dos que as restantes compañías van carecer de xeito inevitable”. Na súa opinión, as achegas da compañía para favorecer esta tecnoloxía móbil no territorio estatal van ser as máis completas e rápidas de Europa.
Amais de 4G, na rolda de prensa tamén se falou de Fibra Óptica ata o Fogar, outra das tecnoloxías polas que aposta fortemente a operadora e que, segundo as súas estimacións, estará ao alcance de 100.000 fogares galegos a finais deste ano e dun total de 360.000 cando finalice 2014, “o que supón unha cifra aproximada de 1 millón de habitantes con acceso no seu propio fogar á que está considerada a rede de datos máis rápida e robusta das que existen no mercado”, explicou.
Todo isto, engadiu, forma parte dun ano de investimento espectacular para Galicia, un investimento que só en 2013 acada os 44 millóns de euros uns traballos “que só a nosa compañía pode facer”. Isto tamén é aplicable, dixo, á rede 3G de alta velocidade de Movistar, “que neste intre chega a case o 100% da poboación galega no 97% do territorio, moi por enriba da media en España, que ofrece unha taxa do 73%”.
Asemade, Alonso falou en detalle do concepto Fusión, unha filosofía baixo a que Telefónica comercializa os seus produtos e servizos e que lle permitiu, entre outras cousas, “mudar para sempre as regras de xogo do mercado”. Ademais disto, dixo, posibilitoulle á compañía un estado de cousas no que xa “non é a operadora que segue de preto o que fai a competencia, senón todo o contrario: agora son as operadoras que traballan en España as que adaptan aos seus casos particulares a filosofía de Fusión”. Todo este tipo de cousas, engadiu, ten o seu reflexo en recoñecementos como o que lle fixo á compañía recentemente a Asociación de Internautas, que nun dos seus informes situou a Movistar (a división móbil de Telefónica) como a compañía máis votada e “a única que supera os 8 puntos nun conxunto onde a media é de 7 puntos”.
Pero houbo máis cifras, en boa medida referentes ao investimento da empresa de telecomunicacións na nosa terra. Así, citou Alonso, nos últimos seis anos Telefónica investiu en Galicia máis de 650 millóns de euros, acadando en 2012 os 2,2 millóns de accesos e mantendo neste intre 250 puntos de venda. Asemade, “emprega de forma directa a 1.277 persoas e máis de 2.000 de forma indirecta”. Alonso tamén salientou que o ano pasado a compañía efectuou compras por valor de 26,5 millóns de euros a 31 empresas galegas. “Todo iso no seu conxunto”, comentou, “fixo que en 2012 a súa actividade supuxese para Galicia o 1,3% do PIB”. Polo que respecta á xeración de emprego vindeiro, a que está relacionada cos procesos de despregue de redes 4G e Fibra ata o Fogar, a operadora estima que estará por enriba dos 200 novos postos de traballo ao longo de 2014.
Alonso non quixo pór o punto e final ao encontro cos medios de comunicación sen facer referencia á eliminación recente, por parte de Telefónica, do compromiso de permanencia nas súas tarifas móbiles de contrato, unha supresión dada a coñecer o pasado mes de setembro polo seu presidente, Luis Miguel Gilpérez. A xuízo de Manuel Alonso, é importante transmitir a mensaxe de que os clientes non son escravos dos contratos coa operadora, “non nos preocupa que estea habilitado o compromiso de permanencia, entre outras cousas porque estamos seguros de que damos o mellor servizo”. Ao fío deste compromiso co servizo ao cliente, Alonso tamén lembrou que a compañía fixo un esforzo moi importante nos últimos anos para achegar comunicación, atención ao cliente e publicidade en galego. “A ninguén se lle escapa que estamos a territorializar os nosos servizos de comunicación cos usuarios, emprazándoos polo tanto nos lugares onde damos servizo, e no caso de Galicia iso tradúcese no que dixen antes: unha comunicación integral na lingua dos seus habitantes”.
Telefónica anuncia que a finais de 2014 levará 4G e FTTH á metade da poboación galega
Compartir Este Artigo
