Dentro da política de renovación de Yahoo!, na que a compañía intenta recuperar a relevancia perdida, están a potenciarse moitos dos produtos da compañía que ocupaban posicións líderes (como Flickr, que ofrece agora 1 Tb de almacenamento de balde) e aproveitando que está a celebrar o seu 16º aniversario temos que Yahoo Mail experimenta unha remodelación importante, cun cambio de aparencia tanto no escritorio como en dispositivos móbiles, e ofrecendo a posibilidade de seguir conversas para os usuarios que gustan de ler as súas mensaxes agrupadas en fíos.
O novo deseño de Yahoo Mail é máis eficiente, de xeito que moitas das operacións que se fan no servizo de correo electrónico de Yahoo! a diario poden agora completarse en menos tempo (ao simplificarse as accións), aínda que a meirande parte dos usuarios agradecerán máis o feito de que agora poidan gozar de funcións que antes eran de pagamento, como filtros avanzados, enderezos de correo electrónico desbotables e reenvíos automáticos de mensaxes, ao que hai que sumar o feito de que agora o almacenamento dispoñible para as mensaxes de e-mail será de 1 Tb, converténdose na oferta de balde máis xenerosa do mercado neste apartado (superando esaxeradamente os 15 Gb que Google ofrece no seu Gmail).
A aparencia de Yahoo Mail tamén vese enriquecido coa incorporación de temas visuais, entre os que destacan fotografías seleccionadas de Flickr que poden servir de fondo para o servizo tanto na web como nas súas aplicacións móbiles, estando xa dispoñible para a súa descarga a ferramenta móbil para iOS e a de Android, podendo destacarse o feito de que Yahoo! non esqueceu publicar tamén unha aplicación para Windows 8 (válida tanto para ordenadores como para tablets co sistema operativo de Microsoft).
Yahoo Mail celebra os seus 16 anos ofrecendo 1 Tb de almacenamento aos seus usuarios
Compartir Este Artigo

