Media Markt, multinacional xermana de distribución de electrónica de consumo, inaugura este 24 de outubro ás 8 da mañá a súa nova tenda en Ferrol. O establecemento é o número 71 en España e o cuarto en Galicia (A Coruña, Vigo, Lugo e, agora, Ferrol). Media Markt Ferrol conta cun total 53 empregados, dos cales o 90% reside na localidade e na súa contorna e atopábase ata o de agora en situación de desemprego, tal e como sinalamos hai uns meses dende Código Cero facendo mención do sobre o papel encomiable proceso de contratación levado a cabo pola cadea.
Segundo informa a multinacional, “o equipo de profesionais especializados en cada unha das áreas de venda estará ao servizo dos clientes para asesorarlles persoalmente e resolver calquera petición sobre os produtos que comercializa a compañía”.
A superficie total do novo establecemento supera os 2.400 metros cadrados e achega unha oferta de máis de 45.000 produtos “de primeiras marcas no sector das novas tecnoloxías, a electrónica, a informática doméstica, produtos de lecer e electrodomésticos”, engade Media Markt, que explica que apostará especialmente por potenciar a súa área de televisores, con máis de 150 modelos e entre os que salientan aqueles que integran tecnoloxía 3D e LED, ademais das novidades en tablets e tecnoloxía. Jorge Medina, xerente de Media Markt Ferrol, explica que “na nosa tenda os ferroláns poderán atopar todas as máis recentes novidades tecnolóxicas a prezos nunca vistos na zona”. Ao seu xuízo, “é unha gran nova para a cadea chegar a Ferrol para fornecer o noso pequeno gran de area, xerando 53 postos de traballo nunha zona tan afectada polo desemprego”.
Media Markt Ferrol abre as súas portas este xoves
Compartir Este Artigo
