
García centrou unha boa parte do seu relatorio sobre a práctica de gamificación (así se fai chamar esta metodoloxía) no ámbito no que se especializa Femxa: o ámbito formativo.
A súa intervención comezou facendo fincapé nas vantaxes destas técnicas, que contribúen por unha banda a desbotar a idea de estudo como algo monótono, repetitivo e suxeito a comportamentos inmobilistas. Segundo explicou, a gamificación (mecánicas propias dos xogos aplicadas en contextos non lúdicos) rompe a devandita idea en boa medida polo que ten de estratexia para influír e motivar aos estudantes. Ao seu xuízo, “os xogos son unha fonte inesgotable de motivación, diversión e ledicia, algo que os materiais educativos tradicionais non poden achegar”. En base a isto, a práctica da formación non pode ficar allea a estas potencialidades, e máis se temos en conta a revolución tecnolóxica que estamos a vivir (estas cousas tradicionais que se volven dixitais, e estes recursos dixitais que tamén se volven tradicionais).
Segundo engadiu, “debemos usar todos os recursos que os novos tempos poñen ao noso alcance; nesta nova sociedade, onde experimentamos altas doses de interacción social e mergullámonos a diario en mundos virtuais, as técnicas de estudo de outrora volvéronse pouco apropiadas para os alumnos de hoxe en día; é por iso os expertos en formación apostan por unha metodoloxía que inclúe actividades xeradoras de satisfacción, que favorecen o feedback e que ofrecen diferentes graos de emoción e satisfacción; é dicir, un xogo”.
Para Patricia García, está claro que “os usuarios deste tipo de produtos volvéronse máis comprometidos e propensos a completar os programas de formación”. A gamificación, dixo, permite que os alumnos se divirtan mentres interiorizan a información, e anímaos a compartir eses coñecementos cos seus compañeiros. “Ademais”, concluíu, “é unha ferramenta incrible que permite superar as barreiras lingüísticas e de alfabetización, o que posibilita que calquera persoa do mundo, con independencia do seu nivel de educación, poida adquirir coñecementos”.
O Grupo Femxa expuxo en Organización 2.0 o amplo abano de vantaxes de gamificar a formación
Compartir Este Artigo
