Agora que imos estar no epicentro do debate arredor das tecnoloxías de eSaúde grazas á xornada que prepara Gradiant para o día 24, non está de máis lembrar que os nosos centros hospitalarios levan anos dando pasos firmes na aplicación das novas tecnoloxías para permitir máis e mellor seguimento dos pacientes ou para mellorar a súa calidade de vida. Un exemplo disto é o labor do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), responsable en parte de proxectos como e-Hospital ou unha ferramenta que facilita o acceso ao computador de persoas con lesión medular. Agora, vén de incorporar uns equipamentos que melloran a conservación dos riles extraidos para transplantar e que inclúen, entre outras cousas, capacidade de recoller datos a través de GPS.
Estas máquinas de perfusión renal pulsátil, así as fan chamar os seus desenvolvedores, xa serviron de base a catro operacións de transplante. Entre outras cousas, posibilitan ter os órganos en bo estado (irrigados de continuo con soro de preservación ata o intre exacto da doazón), prolongar o seu mantemento alén das 30 horas convencionais e recabar información mediante GPS sobre o estado do órgano. Isto último permite adiantar cal vai ser a súa reacción tras o transplante. Máis polo miúdo, a tecnoloxía de seguimento achega datos a ter en conta sobre a futura resposta do órgano (cuestións como a resistencia ao soro) ademais de deixar marxe de abondo para efectuar un control a distancia, exhaustivo, aínda que os investigadores médicos estean a cen quilómetros do órgano.
O CHUAC incorpora o GPS ao mantemento dos órganos pendentes de transplante
Compartir Este Artigo
