
A idea é permitir o acceso á información sobre caladoiros ou rutas e posibilitar tamén a creación dese coñecemento. Segundo salientaron os responsables de PortalProgramas, estamos perante “a primeira ferramenta deste tipo en software libre que hai, unha aplicación que posibilita aos pescadores competir contra as grandes multinacionais que xa contan con sistemas avanzados de software privativo”.
Pos ben, segundo nos contan dende Praza Pública reflectindo informacións de primeira man de Pablo Belay, o obxectivo agora é que Xeopesca comece a ser concibida como un elemento claro de defensa contra as grandes corporacións do sector marítimo: unha peza clave para fomentar a competitividade e o traballo en común dos nosos barcos. Dalgunha maneira, non se trata só de levar o software libre aos nosos mariñeiros, senón de abrirlles a porta ás metodoloxías de traballo da comunidade de software libre. Segundo conta Belay, Xeopesca é máis ca nunca un proxecto colectivo e social, unha iniciativa que non conta con apoios das administracións (alén do galardón devandito) e que xa é, en toda regra, unha asociación de software libre. De feito, xa foron validados os seus estatutos o pasado 21 de xaneiro pola Xunta de Galicia.
A asociación conta con Pablo Belay como presidente; Miguel A. Rodríguez Luaces (profesor doutor da UdC) como vicepresidente; Xosé Rial (analista informático) como secretario; Pablo Argibay como tesoureiro; e Aitor Gaspar Romero e Rut Devesa Arnoso como vogais. Os obxectivos principais da asociación serán “desenvolver, promocionar e divulgar o uso das ferramentas libres na sociedade” e “promocionar a pesca sostible e responsable” e “divulgar os valores da pesca artesanal e ecolóxica”.
Xeopesca xa é asociación de software libre
Compartir Este Artigo
