Este xoves celebrouse no IES Poeta Añón de Serra de Outes (A Coruña) unha charla inserida no programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo, que como lembraremos impulsan o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis a Consellería de Cultura e Educación. No acto interviñeron precisamente o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e máis o conselleiro Xesús Vázquez, quen apoiou coa súa presenza o uso responsable e útil das novas tecnoloxías por parte dos estudantes. De feito, como lembraremos, Navega con Rumbo encamíñase a facilitar ás novas xeracións os mellores xeitos de movérense na Rede.
A cuarta edición deste programa, tal e como se nos informou co comezo de curso, está a acubillar 220 actividades.
Durante a xornada de hoxe no IES do concello coruñés un especialista do CPEIG foi o encargado de impartir a charla divulgativa durante unha hora, “do mesmo xeito que fan compañeiros seus no resto de centros educativos participantes”, informa Cultura e Educación. O relatorio tivo como obxectivo ensinar aos escolares a navegar por Internet “dun xeito útil e responsable”. Ademais, trátase de axudalos a prever prácticas de ciberacoso e a dependencia das novas tecnoloxías. Lembrar que o programa Navega con Rumbo tamén se dirixe a implicar nas recomendacións achegadas a profesores e pais e nais, “para que eles mesmos poidan chegar a transmitir esas boas condutas aos rapaces e rapazas”, explica o departamento da Xunta.
Os responsables de Navega con Rumbo avogan polo uso responsable da Rede dende o IES de Outes
Compartir Este Artigo
