A Rede de Innovación de Arteixo, de cuxa posta en marcha e presentación falamos hai pouco en Código Cero, continúa co seu programa de obradoiros informativos impartidos por expertos en creatividade empresarial para fomentar a cultura innovadora e dar a coñecer o proxecto entre posibles usuarios. Sen ir máis lonxe, este mércores Manuel Carneiro, conselleiro delegado en IFFE Business School, conducirá o relatorio A innovación como fonte de emprendemento. A asistencia é de balde. Entre outras cousas, Carneiro introducirá aos presentes nas metodoloxías a pór en práctica para converterse en emprendedores e innovadores.
Asemade, falará dos enfoques estratéxicos posibles e as tecnoloxías dispoñibles para acadar “unha axeitada xestión e unha meirande competitividade”. A sesión desenvolverase de 16.25 a 18.30 horas.
A actividade enmárcase dentro do ciclo de dez obradoiros organizados pola Rede de Información de Arteixo para animar a emprendedores e PEME a participar na iniciativa e fomentar a cultura innovadora. A RdI é unha proposta da Escola de Organización Industrial (EOI) e o Concello de Arteixo, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
O ciclo de xornadas desenvolverase todos os mércores ata o 23 de abril en horario de tarde (16.25 a 18.30h), mentres que o venres 21 de marzo e mércores 16 de abril serán pola mañá (9.25 a 11.30h). O cuarto obradoiro, a cargo de Xoán Torres Cannas, socio de Nordés Gin, está previsto para o 12 de marzo baixo o título O emprendemento como fonte de innovación.
A RdI de Arteixo amosa este mércores as claves para sermos emprendedores e innovadores
Compartir Este Artigo
